A XV Carreira Popular de Chantada “10km no corazón” celebrarase o 9 de maio

A XV edición da Carreira Popular de Chantada ‘10km no corazón’ celebrarase o sábado 9 de maio a partir das 17:30 horas, organizada por Atletismo Chantada coa colaboración do Concello de Chantada.
O percorrido da proba absoluta, explican dende a organización, viuse lixeiramente modificado debido aos derrubes provocados polas choivas invernais, mantendo un trazado moi similar ao de edicións anteriores, aínda que cunha redución aproximada de 500 metros.
Deste xeito, a distancia da carreira curta pasa a ser de 4,5 quilómetros e a longa de 9 quilómetros. A proba absoluta dará comezo ás 19:00 horas e contará con distintas modalidades e categorías, mentres que as carreiras menores se iniciarán a partir das 17:30 horas coa categoría Sub 8, seguida das Sub 10 e Sub 12, e posteriormente as Sub 14 e Sub 16.
As inscricións para todas as categorías permanecerán abertas ata o mércores 6 de maio.