A Xunta propón que o próximo curso escolar se inicie o 9 de setembro e remate o 21 de xuño

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A Consellería de Educación remite ás organizacións sindicais a proposta de calendario escolar para o seu debate na vindeira reunión da Mesa Sectorial Docente
recurso-colexio-aula-educacion
7 May 2026

A Xunta de Galicia proporá na Mesa Sectorial Docente que o curso escolar 2026-27 comece o próximo 9 de setembro e remate o 21 de xuño de 2027 para todas as etapas educativas, agás os segundos cursos dos ciclos formativos de grao Básico, Medio e Superior de FP, que rematarán o 15 de xuño. Así se recolle no borrador de orde que a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de remitir ás organizacións sindicais para a súa análise na xuntanza da mesa que terá lugar o 13 de maio, na que tamén se abordará a proposta para reconfigurar o horario do profesorado de Secundaria, froito do traballo desenvolvido no marco da Comisión de Seguimento do Acordo do ano 2023 coas organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSIF.

Non obstante, no caso das Ensinanzas de Réxime Especial, como xa se fixo no presente curso, tendo en conta as características e particularidades deste tipo de estudos, poderá flexibilizarse o inicio das actividades lectivas ata o 16 de setembro como moi tarde. Tamén cómpre subliñar que no caso de 2º curso de Bacharelato as clases rematarán de acordo coas datas previstas para a Proba de Acceso á Universidade, PAU.

Os períodos de vacacións escolares irían do día 21 de decembro de 2026 ao 6 de xaneiro de 2027, ambos inclusive, no Nadal; os días 8, 9 e 10 de febreiro de 2027 para o Entroido; e desde o día 22 ata o 29 de marzo, ambos incluídos, para a Semana Santa. Ademais, serían días non lectivos o 7 de decembro (Día do Ensino) e as festas laborais de ámbito estatal, autonómico e local.

A proposta de orde de calendario tamén recolle que, para o vindeiro curso, as probas de avaliación de diagnóstico fixadas polo Goberno do Estado a través da Lei de educación LOMLOE para 4º curso de Primaria terán lugar entre o 26 e o 30 de abril, e para 2º de ESO realizaranse entre o 19 e o 23 de abril de 2027. Canto ao período de adaptación para o alumnado de 4º curso de Educación Infantil, os centros poden optar por unha incorporación gradual que non se prolongará máis aló do 15 de setembro.

Sesións lectivas do profesorado de ensino Secundario e Réxime Especial
Así mesmo, tamén se eleva para análise na Mesa Sectorial Docente a proposta de traballo entre a Consellería de Educación e as organizacións sindicais CCOO, ANPE, UGT e CSIF para intensificar e ampliar as melloras recollidas no Acordo de 2023, entre as que se atopa a folla de ruta para a reconfiguración, xa desde setembro, do horario do profesorado de Secundaria (é dicir, de ESO, Bacharelato e FP) e das Ensinanzas de Réxime Especial co fin de adaptar o traballo á realidade actual dos centros educativos.

Esta medida supón pasar de 20 a 18 as sesións lectivas directas na aula, de xeito que o profesorado poida dedicar ese tempo a atender outras necesidades de carácter escolar como atención ao alumnado, atención ás familias e desenvolvemento de proxectos educativos e protocolos.

Non obstante, todos eles contarán coas 37,5 horas semanais laborais que teñen o resto do persoal funcionario en Galicia, 30 delas de permanencia no centro, cunha parte fixa de 23 horas a razón de 18 sesións de docencia directa e cinco sesións complementarias para apoio, e unha parte non fixa de sete horas.

Dentro da parte fixa, as sesións de docencia directa abranguen a impartición das materias da especialidade correspondente, a titoría presencial co alumnado do seu grupo no caso dos titores, a docencia de materias afíns, a intervención directa co alumnado dos especialistas en Pedagoxía Terapéutica e en Audición e Linguaxe, as funcións de orientación e o apoio a codocencia e os desdobramentos de grupos.

Por outra parte, as cinco sesións complementarias de permanencia fixa no centro estarán distribuídas a razón dunha sesión de titoría para a atención das familias e do alumnado e, no caso de que non existan citas previamente concertadas, a dirección do centro asignará ao profesorado a realización doutras funcións non lectivas nese período. As outras catro sesións restantes empregaranse para realizar gardas ou outras funcións que determine a dirección do centro.

As sete horas da parte non fixa de permanencia no centro destinaranse a actividades como sesións de avaliación, de coordinación pedagóxica, instrución de expedientes, mantemento de laboratorios, coordinación e dinamización de plans e proxectos do centro, actividades complementarias co alumnado ou titorización ou mentoría co profesorado en prácticas entre outras.

Funcións directivas e labor de titoría

Outra das propostas que se elevará á Mesa Sectorial é o incremento das horas de dedicación ao cargo que exercen os equipos directivos nos centros escolares. En termos xerais, estas persoas gañarán unhas dúas horas máis á semana para atender estas funcións específicas, cuns máximos de dedicación que varían segundo a tipoloxía do cargo (dirección, xefatura de estudos, secretaría e vicedirección) e o tipo de centro por número de alumnos matriculados.

Así mesmo, no referido ao labor dos titores, por primeira vez se lles vai recoñecer esa función cunha hora de dispoñibilidade.

0.11911988258362