A Xunta oferta na provincia 2.600 prazas en campamentos de actividades para a mocidade

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Está aberto o prazo de inscrición nos campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado, que se desenvolverán nos meses de xullo e agosto
campamento_xuvenil_area
21 Apr 2026

A Xunta abriu o prazo de inscrición nos campamentos, minicampamentos e campos de voluntariado da campaña Modo Verán Activo, que este ano oferta 2.593 prazas en instalacións da provincia de Lugo. No conxunto de Galicia a cifra supera as 11.900. A programación vai dirixida a nenos e mozos dende os 9 ata os 30 anos.

O delegado territorial, Javier Arias, apunta que a maior oferta e a máis demandada polas familias é a dos campamentos, destinados a rapaces e rapazas de idades comprendidas entre 9 e 17 anos.

Durante os meses de xullo e agosto, sucederanse 34 quendas con diferentes temáticas en sete instalacións da Xunta repartidas pola provincia: Area (Viveiro); A Devesa (Ribadeo); Os Chacotes (Palas de Rei); Benigno Quiroga (Portomarín); albergue LUG II (Lugo); Centro de Formación e Experimentación Agroforestal de Becerreá e Centro de Inmersión Lingüística dos Peares (Carballedo).

Entre as novidades desta edición, amplíase o número de prazas no campamento Aventura de Montaña en Becerreá e nos de música, tecnoloxía e emprendemento que acollerá o LUG II.

A esta oferta súmase a dos minicampamentos Coñece Galicia, para a franxa de idade dos 9 aos 12 anos. Carballedo acollerá un deles, o Mini Adventure Camp, que se desenvolverá no Centro de Inmersión Lingüistica dos Peares e conta con 60 prazas.

Campos de voluntariado

No que respecta aos campos de voluntariado para maiores de 18 anos, o programa inclúe tres novos na provincia: Monte Cido, en Folgoso do Courel; Territorio Sonoro, no Incio e Fervenza das Polancas, en Quiroga. Ademais, recupérase o de Samos.

Tamén se desenvolverán os de Ancares, en Navia de Suarna; Castro e Romaría de San Lourenzo, na Pobra do Brollón; Xuventude é Camiño, en Palas de Rei; e o do Castro de Viladonga, en Castro de Rei.

O prazo de inscrición nos campamentos e minicampamentos está aberto ata o mércores 29 de abril. A solicitude debe facerse a través da sede electrónica da Xunta e a adxudicación de prazas levarase a cabo mediante sorteo, priorizando este ano a aquelas persoas que non participaran nunha actividade adxudicada directamente na fase de sorteo de 2025.

En canto aos campos de voluntariado en Galicia, as solicitudes presentaranse mediante un formulario habilitado no portal de Xuventude da Xunta, tamén ata o 29 de abril. No que respecta aos campos noutras comunidades autónomas, solicitaranse dende o 22 ao 29 de abril; e para os do estranxeiro xa está o prazo aberto dende o 5 de marzo. Neste caso, as prazas outorgaranse por orde de inscrición.

Outras modalidades

Outra das modalidades desta oferta son as actividades concertadas nas instalacións xuvenís por parte de asociacións, entidades prestadoras de servizos á mocidade, escolas de tempo libre, corporacións locais e outras entidades públicas ou privadas que leven a cabo plans relacionados cos mozos e mozas. A proposta inclúe varias quendas en Area (Viveiro), A Devesa (Ribadeo), o albergue Benigno Quiroga (Portomarín) e Os Chacotes (Palas de Rei).

Ademais, a mediados de maio abrirase o prazo de inscrición nun programa de actividades de ocio educativo, alternativo e saudable para persoas de 18 a 30 anos. A provincia de Lugo acollerá tres destas accións: Surf na Mariña (A Devesa); Aventura na Montaña (Cervantes) e o Xeocampamento nas Montañas do Courel. Nas dúas primeiras hai unha quenda e na última, dúas.

0.11674618721008