A Xunta licita a obra de implantación da área de pneumoloxía e dixestivo no Hospital Comarcal de Monforte

RibeiraSacraXa
O período de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas na execución destes traballos remata o vindeiro 23 de outubro
hospital-monforte
27 sep 2024

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Sanidade, vén de publicar no Portal de Contratos de Galicia a licitación da obra de implantación da área de pneumoloxía e dixestivo no Hospital Comarcal de Monforte, na que o Goberno galego vai investir 1.022.104 euros.

O prazo de execución da obra é de seis meses e o período de presentación de ofertas por parte das empresas interesadas na execución destes traballos remata o vindeiro 23 de outubro.

As actuacións que se desenvolverán abranguen unha superficie de 641 metros cadrados e céntranse na planta baixa do hospital.

Cómpre lembrar que recentemente comezaron os traballos para a implantación do novo laboratorio de microbioloxía e da área de cardioloxía deste hospital da rede do Servizo Galego de Saúde, nos que a Xunta inviste 1 millón de euros.

O Executivo autonómico segue ademais a traballar no Plan director de reforma integral do Hospital de Monforte, que permitirá reestruturar 10.000 metros cadrados para habitar espazos máis amplos, modernos e funcionais, adaptados ás novas necesidades asistenciais, coa previsión de que ese Plan director se poida licitar este mesmo ano.

Dentro das obras de mellora tendentes á reforma integral do Hospital de Monforte, o Executivo galego xa acometeu, entre outras, a construción do novo laboratorio de análises clínicas e de bioquímica, a ampliación do hospital de día oncohematolóxico e a mellora do servizo de farmacia hospitalaria, que supuxeron un investimento de preto de 2 millóns de euros e que dotaron o hospital tecnoloxía de vangarda.

0.14590692520142