A Xunta lanza unha da liña de axudas para as ARI dos Camiños de Santiago e a Ribeira Sacra

RibeiraSacraXa
En concreto, a Xunta destina 865.387 euros ás rehabilitacións na ARI dos Camiños de Santiago e 361.544 euros na da Ribeira Sacra
Áreas-de-Rehabilitación-Integral-Ribeira-Sacra
25 sep 2024

A Xunta vén de lanzar a nova convocatoria da liña de axudas para as Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e a Ribeira Sacra, ás que destina un orzamento total de 1,2 millóns de euros.

A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María Martínez Allegue, visitou en Vilamarín, xunto ao delegado territorial da Xunta, Manuel Pardo, unha das vivendas rehabilitadas a través destas achegas e destacou a aposta da Administración autonómica para impulsar actuacións que poñan en valor os Camiños e os lugares e vilas que atravesan.

M. Allegue visitou e puxo como exemplo destas actuacións a reforma realizada pola propietaria, que obtivo unha achega de 34.000 euros da ARI Camiños de Santiago ao tratase dunha rehabilitación dun conxunto de catro edificacións en ruínas para convertelas nunha vivenda unifamiliar.

A conselleira destacou que estas actuacións permiten “seguir a construír fogares e poñer en valor as contornas e vilas onde se realizan as intervencións”, como foi neste caso no lugar de Bouzas, en Vilamarín.

Subliñou tamén que as case 600 axudas concedidas pola Xunta para actuacións de rehabilitación e renovación nas Áreas de Rehabilitación Integral (ARI) dos Camiños de Santiago e da Ribeira Sacra permitiron a recuperación de 1.500 vivendas nos concellos integrados nestas contornas desde o ano 2021.

A conselleira apuntou que estas rehabilitacións constitúen “un motor de desenvolvemento económico para os lugares polos que transcorren os itinerarios dos Camiños. Sons actuacións que xeran emprego e atraen investimentos, revitalizando barrios, engadiu. "Permítennos, polo tanto, seguir a transformar as nosas vilas, cidades, os conxuntos históricos e núcleos singulares. En definitiva, avanzar no noso compromiso de seguir a transformar e mellorar o país, para o que non deixaremos de traballar”.

Beneficiarios das actuacións

En concreto, a Xunta destina 865.387 euros ás rehabilitacións na ARI dos Camiños de Santiago e 361.544 euros na da Ribeira Sacra.

Trala publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia (DOG), ata o 23 de outubro poderán solicitarse estas achegas convocadas pola Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS). Para poder acollerse a esta convocatoria de subvencións é requisito imprescindible contar coa cualificación definitiva outorgada polo IGVS, que se obtén despois de realizar as obras de rehabilitación.

Para contar con esa cualificación definitiva e poder optar a futuras convocatorias destas axudas, antes é preciso obter a cualificación provisional, un trámite que se pode realizar por vía electrónica na sede da Xunta e que ten o prazo aberto ata xuño de 2025. No momento en que se finaliza a actuación, os solicitantes teñen que comunicar o fin da obra e xustificala para solicitar a cualificación definitiva, a fin de poder acceder á convocatoria de axudas de rehabilitación.

No ámbito das dúas ARI supramunicipais poderán solicitar a cualificación provisional e definitiva as comunidades de propietarios e as agrupacións de comunidades; as agrupacións de propietarios; e as persoas físicas propietarias de edificios ou vivendas. A contía das achegas non poderá superar o 50 % do importe subvencionable da actuación. Este límite incrementase ata o 75 % se os ingresos da unidade de convivencia promotora da actuación e residente na vivenda son inferiores a 3 veces o IPREM ou cando se acometan actuacións para a mellora da accesibilidade e se acredite que na unidade de convivencia existen persoas con discapacidade ou maiores de 65 anos. O importe máximo das axudas poderá acadar os 30.000 euros.

0.097223997116089