A Xunta destaca o modelo de desenvolvemento sostible da Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra

A Xunta de Galicia puxo en valor o modelo de desenvolvemento sostible impulsado na Reserva da Biosfera da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel, onde destinou 5,5 millóns de euros nos últimos cinco anos. Así o destacou este mércores a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, durante o acto conmemorativo do quinto aniversario da declaración deste espazo por parte da Unesco.
A conselleira sinalou que este recoñecemento internacional distingue un territorio integrado por máis de vinte concellos no que natureza, paisaxe, patrimonio e actividade humana conviven formando “unha identidade única” que definiu como un dos sinais da Galicia Calidade.
Segundo explicou, durante estes cinco anos desenvolveuse unha estratexia coordinada entre distintos departamentos da Xunta estruturada en seis ámbitos de actuación: a conservación da biodiversidade, a protección da paisaxe, a xestión dos recursos hídricos, a economía circular, a loita contra o cambio climático e o apoio aos concellos.
Entre as actuacións realizadas, Ángeles Vázquez destacou os traballos de restauración ambiental, a recuperación da continuidade ecolóxica do río Lor e as intervencións levadas a cabo en máis de cen hectáreas de bosques autóctonos e soutos tradicionais.
A estas actuacións súmanse os investimentos realizados por Augas de Galicia, que superan os 3,5 millóns de euros para mellorar os sistemas de abastecemento, saneamento e depuración en distintos municipios da Reserva.
No ámbito da protección da paisaxe, a conselleira salientou a creación dunha única Área de Especial Interese Paisaxístico (AEIP) Ribeira Sacra, resultado da unificación das áreas dos Canóns do Sil e do Miño, co obxectivo de abordar a súa conservación cunha visión común.
Durante a súa intervención, Vázquez subliñou que a xestión dunha Reserva da Biosfera require conservar os ecosistemas, protexer a paisaxe, mellorar os recursos naturais e apoiar aos concellos, pero tamén “contar coa comunidade científica, implicar ás empresas e, sobre todo, confiar nas persoas que viven no territorio”.
A titular de Medio Ambiente asegurou que esta figura de protección supón unha oportunidade para fortalecer un turismo responsable, apoiar os sectores produtivos ligados ao territorio, crear emprego e contribuír á fixación de poboación, ao tempo que demostra que “é posible crecer sen renunciar á nosa identidade”.
De cara ao futuro, Ángeles Vázquez avanzou que o Goberno galego continuará traballando na protección deste patrimonio “a través da planificación, o rigor e a colaboración”, ao considerar que “a conservación é a mellor garantía para construír un futuro sostible”.
A conselleira incidiu ademais en que os cinco anos de experiencia da Reserva da Biosfera reforzan as aspiracións de Galicia no ámbito do recoñecemento internacional do seu patrimonio, facendo referencia á candidatura da Paisaxe Cultural da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial da Unesco.
“Confiamos en que o traballo realizado nestes cinco anos contribúa a que esa candidatura saia adiante poñendo en valor os avances acadados na conservación da biodiversidade, na recuperación da paisaxe, na protección dos recursos naturais e na boa xestión dun territorio que representa un dos maiores patrimonios naturais, culturais e paisaxísticos de Galicia”, concluíu.