A Xunta avanza na recuperación de zonas afectadas polos lumes en Chandrexa de Queixa

RibeiraSacraXa
Estanse a realizar traballos de mellora de infraestruturas viarias e da rede de drenaxe así como de restauración hidrolóxica e de mellora de hábitates
xunta-traballos-incendio-chandrexa
21 Apr 2026

A Xunta de Galicia segue a impulsar para recuperar áreas danadas polos incendios forestais do pasado verán, neste caso no concello ourensán de Chandrexa de Queixa. A directora xeral de Planificación e Ordenación Forestal, Luisa Piñeiro, visitou a zona para comprobar o estado dos traballos en marcha tras o lume do pasado verán.

Segundo explicou, a prioridade destas intervencións é recuperar a cuberta arbórea para favorecer a biodiversidade e protexer o solo fronte á erosión, o que tamén contribúe a unha mellor regulación do ciclo da auga. Ademais, estas actuacións teñen un efecto positivo como sumidoiro de carbono e na mellora da paisaxe.

No municipio estanse a desenvolver distintas accións, entre elas a mellora de infraestruturas viarias mediante a reparación da capa de rodadura e da rede de drenaxe. Estes traballos buscan frear o deterioro provocado polo incendio e facilitar o acceso para futuras intervencións.

No ámbito da restauración hidrolóxica, estanse aplicando medidas orientadas a estabilizar o terreo, favorecer a infiltración da auga, reducir a escorrentía e evitar o arrastre de sedimentos cara aos ríos. Nas zonas onde non foi necesario empregar técnicas como o mulching, optouse por rozas manuais da matogueira queimada, deixándoa sobre o chan.

En canto á recuperación dos hábitats, actualmente estanse a seleccionar brotes de frondosas xa rexeneradas e procedendo á sementeira de especies herbáceas co obxectivo de recuperar pasteiros. O investimento previsto para o conxunto destas actuacións en Chandrexa de Queixa achégase aos 300.000 euros.

Estes traballos forman parte dun programa máis amplo de colaboración entre o Goberno galego e o Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico (Miteco), que mobiliza 9,5 millóns de euros para actuacións de restauración hidrolóxico-forestal en zonas afectadas por incendios.

No marco desta iniciativa tramitáronse 13 expedientes en concellos como Larouco, Oímbra, Chandrexa de Queixa, A Mezquita e Carballeda de Valdeorras. As intervencións, definidas polos técnicos da Consellería do Medio Rural tras a identificación das áreas prioritarias por parte do ministerio, teñen como obxectivo estabilizar e protexer o solo, corrixir problemas hidrolóxicos en zonas con forte pendente, reparar infraestruturas forestais danadas e favorecer a recuperación da vexetación.

0.11951303482056