A Vicepresidencia da Deputación destinará 27.000 euros á mellora das instalacións deportivas do Baliño, en Pantón

RibeiraSacraXa
Os traballos actuarán sobre o campo de herba natural e o anexo de céspede artificial, mentres a Vicepresidencia lembra a publicación provisional das axudas para clubs deportivos da provincia
efren-castro-campo-baliño-panton
17 Jul 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo colaborará co Concello de Pantón na renovación do campo de fútbol do Baliño mediante un investimento de 27.000 euros. O vicepresidente provincial, Efrén Castro, confirmou a achega durante unha visita ás instalacións municipais, nas que está previsto executar actuacións tanto no terreo de xogo principal, de herba natural, como no campo anexo de céspede artificial.

As obras centraranse na reparación das zonas que presentan un maior deterioro co obxectivo de mellorar as condicións dun recinto deportivo que emprega habitualmente o Ferreira CF e que constitúe unha das principais infraestruturas deportivas do municipio.

A colaboración materializarase a través dun convenio entre a Deputación e o Concello de Pantón. Segundo explicou Efrén Castro, esta actuación forma parte da “aposta por manter unha rede de instalacións que facilite e fomente a práctica do deporte en todo o territorio”.

O responsable provincial incidiu ademais en que “os investimentos en instalacións complementan o apoio que desde a Vicepresidencia da Deputación se presta ao tecido deportivo de base e afeccionado, a través das subvencións de concorrencia competitiva destinadas ao gastos de actividade dos clubs e entidades deportivas e de competicións especificas como as Copas Deputación".

Coincidindo con este anuncio, a Vicepresidencia lembrou que o Boletín Oficial da Provincia publicou este xoves a resolución provisional da convocatoria de subvencións dirixida a clubs e entidades deportivas, dotada cun orzamento global de 660.000 euros.

A proposta inclúe a concesión de 224 axudas destinadas a cubrir gastos relacionados coa actividade competitiva. As contías previstas van desde os 800 ata os 6.000 euros, segundo os criterios fixados nas bases da convocatoria.

Entre os aspectos valorados figuran os resultados deportivos, como ascensos ou clasificacións en campionatos estatais e internacionais; a incidencia social de cada entidade, atendendo ao número de licenzas federativas e equipos; o ámbito territorial no que desenvolve a súa actividade; os anos de traxectoria da entidade e o persoal contratado.

Tras a publicación da resolución provisional, ábrese un prazo de dez días para que as entidades interesadas poidan presentar as alegacións que consideren oportunas.

0.1306209564209