A Vicepresencia da Deputación presenta o luns a axenda do 'Deporte lugués en Feminino'

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo presentará o vindeiro luns – 5 de xullo, ás 17.00 horas – a publicación “Deporte lugués en feminino”, un volume en formato axenda que protagonizan deportistas da provincia con traxectorias destacadas en diferentes modalidades.
A karateka Uxía Folgueira, a xogadora de baloncesto Noa López, a taekwondista Laura Álvarez, as nadadoras Inés e Sofía Mourenza, a xogadora de fútbol Carmen Carballada, a atleta Adi Iglesias, a xogadora de squash Olivia Mon, a triatleta Elsa Pena, as xogadoras de voleibol Clara Carreira e Olalla González, a piraguista Tania Fernández, a piloto Elena López, a ximnasta Alisa Urdaneta e as xogadoras de fútbol sala Sandra Pumares, Silvia Rubal, Verónica García e Area Loureiro poñen cara ao avance do deporte feminino, que medra en participación e logros competitivos.
A fotógrafa Reyes Fernández Guizán e a xornalista Belén Rodríguez Arias son as autoras das imaxes e dos textos da axenda, editada polo Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, con calendario de xullo de 2026 a xullo de 2027 -coincidindo coa cronoloxía das temporadas deportivas -.
O vicepresidente da Deputación Efrén Castro Lugo explicou que “a participación feminina vaise incrementando progresivamente na maioría das modalidades e Lugo ten un lugar destacado no deporte estatal grazas, en boa medida, á traxectoria de equipos femininos como Emevé, Ensino, Burela FS ou Castro FSF, pero falta camiño por percorrer para unha igualdade efectiva no deporte, tanto no material como no simbólico. Un dos obxectivos da publicación incide precisamente nisto último, contribuíndo a afianzar referentes femininos para o deporte lucense”.
A xornalista e directora do portal de deporte feminino asnosas.gal Silvia Carregal conducirá o acto no que, ademais da presentación da axenda, se abrirá un coloquio coas deportistas e autoras da axenda.
As persoas que asistan ao acto, aberto e con entrada libre até completar a capacidade do Salón de Actos, poderán levar de balde un exemplar da publicación, que se distribuirá ao longo do ano en actos institucionais relacionados co deporte.