A veciñanza de Quiroga recibiu os seus diplomas do curso “E para dixitalizarse Lugo”

A Casa da Cultura de Quiroga acolleu o pasado venres esta mañá o acto de entrega de diplomas dun curso de formación sobre o uso do teléfono móbil, enmarcado no programa “E para dixitalizarse Lugo”, impulsado pola Deputación de Lugo.
A acción formativa, baixo o título “Primeiros pasos para o uso fluído das aplicacións dos teléfonos intelixentes”, foi solicitada desde a área de Promoción Económica e tivo como obxectivo achegar á poboación habilidades tecnolóxicas básicas para mellorar o manexo das TIC no día a día.
Durante o curso, de 20 horas de duración, os participantes recibiron formación práctica para familiarizarse co uso do teléfono móbil, aprendendo a configurar dispositivos e a empregar aplicacións de uso habitual como a mensaxería instantánea, o correo electrónico, as redes sociais ou os mapas, ademais de nocións básicas de seguridade dixital. Tamén se traballaron funcións como o envío de fotos e vídeos, as videochamadas ou o uso de chamadas de emerxencia.
No acto de entrega estiveron presentes representantes municipais e persoal da Deputación de Lugo encargado da impartición do programa, que destacaron a importancia deste tipo de iniciativas para facilitar a inclusión dixital da cidadanía e animaron aos asistentes a continuar practicando o aprendido.
As persoas que non puideron asistir ao acto poderán recoller o seu diploma e un agasallo relacionado co uso do móbil na Casa da Cultura.