A veciñanza de Folgoso poderá doar sangue este luns

A unidade móbil da Axencia de Doazón de Sangue(ADOS) visitará Folgoso do Courel este luns, 15 de xuño. A poboación poderá acudir a doar en horario de mañá, de 15:30 a 21:00 horas, diante do Centro de Saúde, onde estará situado o autobús.
Desde a organización lembran a importancia de cumprir unha serie de recomendacións básicas antes de doar sangue, como acudir coa documentación identificativa, non ir en xaxún —ben almorzado ou deixando pasar dúas horas despois de xantar— e manter unha boa hidratación antes e despois da doazón. Tamén se recomenda evitar comidas demasiado copiosas antes da extracción.
Poderán doar todas aquelas persoas maiores de 18 anos e cun peso superior aos 50 quilos. Segundo se destaca, apenas 15 minutos de tempo poden axudar a salvar ata tres vidas, contribuíndo así ao funcionamento dos hospitais e á atención sanitaria.