A UVigo explora un sistema para compensar os viticultores polos beneficios das súas viñas

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | OurenseXa
Analizan a adaptación ao contexto galego do pagamento por servizos ecosistémicos
estudo-uvigo-viticultores
2 Aug 2026

A Universidade de Vigo explora o deseño dun sistema para compensar aos viticultores polos beneficios ambientais que xeran as súas viñas. Faino no marco da súa participación no proxecto europeo BIOservicES, unha iniciativa que reúne 22 socios de once países para afondar nas interconexións entre a biodiversidade do solo, entre os seus organismos, e as funcións e servizos ecosistémicos en diferentes usos do territorio.

No marco de BIOservicES, organizouse este mes de xullo no municipio ourensán de Toén un obradoiro centrado en deseñar un modelo de Pagamento por Servizos Ecosistémicos (PSE) adaptado ao contexto galego. A actividade foi liderada pola Universidade da Tuscia e contou co apoio da consultora LGI, a Universidade de Vigo e a Fundación Juana de Vega, socios galegos do proxecto. Buscando respostas á pregunta de como apoiar economicamente aos viticultores que contribúen á conservación do solo, da biodiversidade ou da paisaxe, na cita participaron viticultores, adegas, administracións, persoal investigador e outras entidades vinculadas ao sector.

Os PES, sinálase desde o proxecto, son instrumentos baseados en acordos voluntarios mediante os que as persoas que xestionan o territorio reciben unha compensación polos beneficios ambientais que xeran as súas prácticas, como a conservación da biodiversidade, a protección do solo, a mellora da calidade da auga ou o mantemento da paisaxe. Os Pagamentos por Servizos Ecosistémicos xa están a aplicarse con éxito noutros países europeos. Así, en Italia, por exemplo, a empresa alimentaria Barilla desenvolveu a Carta del Mulino, que serviu de base para remunerar aos produtores de trigo en función das prácticas agrícolas que favorecen a biodiversidade e a sostibilidade. A Universidade da Tuscia, socia do proxecto BIOservicES que participou na creación deste modelo en Italia, traballa agora na adaptación deste enfoque a outros sistemas agrícolas europeos, entre eles a viticultura galega.

Durante a xornada en Toén analizáronse as oportunidades e os retos para implantar este tipo de mecanismos en Galicia e identificáronse os elementos que debería incorporar un futuro sistema de incentivos para que resulte útil, viable e adaptado ás necesidades do sector. “Unha das principais conclusións do obradoiro foi que moitos viticultores xa aplican prácticas de xestión sostible sen recibir un recoñecemento específico polo seu esforzo”, comentan desde a organización. Os participantes, detallan, coincidiron en que avanzar cara modelos produtivos máis sostibles require non só apoio económico, senón tamén asesoramento técnico, estabilidade e ferramentas que permitan poñer en valor o traballo desenvolvido no territorio. Entre as ideas máis destacadas sinalouse que o recoñecemento debe ir máis aló das compensacións económicas e incluír mecanismos de certificación, visibilidade e sensibilización social. Tamén se puxo de manifesto a necesidade de ofrecer un mellor acceso ao asesoramento técnico, adaptar as medidas ás condicións locais de cada territorio e deseñar esquemas "sinxelos, flexibles e cribles". Os asistentes coincidiron ademais en que resulta máis práctico supervisar a implantación das boas prácticas que medir directamente todos os beneficios ambientais xerados.

Un proxecto europeo para pór en valor a biodiversidade do solo

BIOservicES (Linking soil biodiversity and ecosystem functions and services in different land uses: from the identification of drivers, pressures and climate change resilience to their economic valuation) ten un orzamento total de case 7,4 millóns de euros. Arrancou en setembro de 2023 e prevese a súa finalización en agosto de 2028, estando financiado pola Comisión Europea a través do programa Horizonte Europa, ademais das axencias de investigación do Reino Unido e Suíza. Está coordinado pola Universidad Politécnica de Cartagena e involucra tanto a socios de universidades e centros de investigación como empresas e fundacións, recollendo unha ampla experiencia en agricultura, innovación e comunicación. Por parte da Universidade de Vigo participa un equipo do Grupo de Investigación Planta, Solo e Aproveitamento de Subprodutos e do Instituto de Agroecoloxía e Alimentación, encabezado por David Fernández Calviño e Andrés Rodríguez Seijo. A UVigo desempeña un papel destacado no proxecto, coordinando a liña de investigación dedicada á análise da relación entre a biodiversidade do solo e as funcións e servizos ecosistémicos nas diferentes rexións bioxeográficas europeas.

O proxecto traballa no desenvolvemento de novos indicadores, ferramentas dixitais e modelos de avaliación económica que permitan incorporar o valor dos servizos ecosistémicos á toma de decisións en agricultura e na xestión do territorio. No marco de BIOservicES xa se levan analizado máis de 770 mostras de solo procedentes de 25 emprazamentos experimentais distribuídos por cinco rexións bioxeográficas europeas (alpina, atlántica, mediterránea, continental e boreal), nas que se estudaron máis de cen indicadores físicos, químicos e biolóxicos. Ademais desenvolvéronse experimentos de campo para avaliar como o cambio climático pode afectar á biodiversidade do solo e aos servizos ecosistémicos que proporciona. Estes experimentos simularon o incremento de temperatura no solo e a redución de precipitacións, mostreándose 120 solos de usos semi-naturais de catro rexións en Europa. No caso galego, os usos do solo escollidos son antigas zonas de cultivo abandonadas nos anos 70 e actualmente reconvertidas en zonas forestais con acacia, piñeiro e carballo, e nos que se pretende avaliar como o cambio climático pode afectar ao solo. “Isto poderá aportar información e coñecemento para prácticas máis resilientes e de mitigación do cambio global”, afirma o equipo da UVigo.

0.1213059425354