A undécima Feira Guímara chega á Pobra do Brollón con artesanía, música e xogos populares

RibeiraSacraXa
O programa inclúe o pregón de Manuel Leiras, a representación da revolta guímara, demostracións de oficios tradicionais e actividades para todos os públicos
feira-guimara-2025
7 Jul 2026

A Pobra do Brollón celebrará este sábado 11 de xullo a undécima edición da Feira Guímara, un evento que conmemora a revolta protagonizada polos habitantes da vila contra as inxustizas do Conde de Lemos en época medieval. A feira está organizada polo Concello da Pobra do Brollón co apoio da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

O encontro desenvolverase no antigo campo das feiras, situado á beira do río Rubín. Desde a organización animan ás persoas asistentes a participar caracterizadas con vestimenta de época, especialmente como labregos e labregas medievais.

A programación comezará ás 11.30 horas co pregón, que este ano correrá a cargo do historiador da Pobra do Brollón Manuel Leiras Camiño. Media hora despois, ás 12.00 horas, celebrarase a representación da revolta guímara, protagonizada pola rapazada, aínda que se convida tamén ao público a participar alentando a recreación.

Ao remate da representación dará comezo a sesión vermú, amenizada polo grupo The Tetas' Van, unha banda que celebra quince anos de traxectoria cun repertorio de pop e rock de marcado carácter feminista e unha posta en escena enérxica.

Entre as 12.00 e as 16.00 horas, o Centro de Artesanía e Deseño (CENTRAD) de Lugo ofrecerá demostracións de diferentes oficios tradicionais, entre eles cestería, torno de madeira e cantería.

Durante toda a xornada permanecerán abertos máis de vinte postos de artesanía e produto local, con propostas de mel, cosmética natural, téxtil, xoiería, coiro, olería e madeira, entre outras.

Para a hora do xantar habilitaranse mesas de uso libre baixo a sombra das árbores para que os asistentes poidan compartir unha comida ao estilo das romarías tradicionais. Ademais, haberá postos de polbo, da cooperativa Tres Fuciños, así como doces, filloas e queixos artesáns.

A programación da tarde arrancará ás 17.00 horas con xogos populares. As persoas asistentes poderán participar en actividades como a chave ou a ra, e tamén nun concurso con categorías infantil e de adultos. As inscricións poderán realizarse o mesmo día da feira.

Ás 20.30 horas será a quenda do espectáculo infantil 'Chafallas, a vendedora de fume', de Cris Collazo (A Cova das Letras), unha proposta inspirada nos contos e cantigas tradicionais galegos e portugueses.

A xornada pecharase cunha sesión musical a cargo do DJ Vizcaíno, que poñerá o broche final á undécima edición da Feira Guímara.

PROGRAMA COMPLETO DA XI FEIRA GUÍMARA

0.12934803962708