A Ultra Heroica Miño & Sil celebrará o 7 de novembro a súa segunda edición cun percorrido de 83 quilómetros pola Ribeira Sacra

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
A cita deportiva, que inclúe modalidades de relevos, equipos e unha andaina, percorrerá varios concellos da Ribeira Sacra, coas inscricións abertas ata o 4 de novembro
Ultra Heroica Miño Sil
31 Oct 2026

A Ultra Heroica Miño & Sil volverá poñer a proba aos amantes do trail o vindeiro 7 de novembro, cando se celebre a súa segunda edición cun percorrido de 83 quilómetros e 3.900 metros de desnivel positivo por terras da Ribeira Sacra. A proba transcorrerá polos concellos de Chantada, O Saviñao, Pantón e Sober, que volven unirse para acoller esta cita de montaña.

Alén da modalidade individual, a organización deseñou outras formas de participación. Entre elas, uns relevos divididos en dúas postas: a primeira de 39 quilómetros e 2.000 metros de desnivel, e a segunda de 44 quilómetros con 1.900 metros de desnivel acumulado.

Tamén se habilitou unha categoría por equipos, repartida en catro tramos de dificultade similar: 20 quilómetros e 1.000 metros de desnivel o primeiro; 19 quilómetros co mesmo desnivel o segundo; 23 quilómetros e outros 1.000 metros de desnivel o terceiro; e 21 quilómetros con 900 metros de desnivel o cuarto e último. Quen busque gozar da paisaxe da zona sen carácter competitivo poderá optar pola andaina, de 11 quilómetros e 200 metros de desnivel positivo.

O evento está organizado polo Club Peña Saltasebes de Chantada, coa colaboración de Innoheroica. As inscricións trámitanse a través das canles habilitadas por Champion Chip Norte, plataforma oficial encargada da xestión de dorsais, e permanecerán abertas ata o 4 de novembro ás 23.59 horas.

A proba conta tamén co respaldo do Consorcio de Turismo, os concellos da comarca, a Deputación de Lugo e a Xunta de Galicia, ademais do apoio de Deporte Galego.

0.16137790679932