A terceira edición do Programa de Fomento Deportivo da Deputación de Ourense aspira a chegar aos 92 concellos da provincia

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O programa incrementa o seu orzamento ata os 100.000 euros e incorpora novas disciplinas como karate, tríatlon, rugby ou volei praia
presentacion-programa-fomento-deportivo-dep-ourense
21 May 2026

A Deputación de Ourense presentou este xoves a terceira edición do Programa de Fomento Deportivo 2026 nun encontro con representantes de clubs, federacións e concellos, no que se destacou o papel do deporte como eixo de cohesión social e promoción de hábitos saudables no territorio.

O presidente provincial, Luis Menor, enmarcou a iniciativa como unha ferramenta clave para o desenvolvemento da provincia e subliñou o valor do traballo conxunto do tecido deportivo. Neste sentido, afirmou que o programa “non sería posible sen o traballo diario de clubs, asociacións, monitores e federacións que levan o deporte a cada recuncho da provincia”.

Durante a presentación, Menor puxo tamén o foco no obxectivo de garantir o acceso á actividade física en todo o territorio, con especial atención aos municipios máis pequenos do rural. Así, destacou que a finalidade do programa é que “todos os veciños, vivan onde vivan, teñan acceso á práctica deportiva e aos valores que representa o deporte”.

O responsable provincial lembrou a evolución do programa desde a súa posta en marcha, pasando de 45 concellos e 2.400 participantes en 2024 a 73 municipios e máis de 4.200 persoas na edición de 2025. Para este ano, a Deputación fixa como meta ampliar a cobertura ata os 92 concellos da provincia.

A iniciativa, que se desenvolverá ata o mes de outubro, contará cun investimento de 100.000 euros e ofrecerá máis de trinta modalidades deportivas, entre as que se inclúen disciplinas como atletismo, piragüismo, escalada, fútbol feminino, xadrez, orientación ou equitación, ademais de novas incorporacións como karate, tríatlon, rugby e volei praia.

O programa incorpora tamén novas accións como escolas provinciais de xadrez e balonmán, así como circuítos de tenis de mesa e baloncesto 3x3, co obxectivo de diversificar a oferta e ampliar a participación.

Menor destacou ademais o impacto da iniciativa na promoción de hábitos de vida saudables, na prevención do sedentarismo e no fomento da convivencia interxeracional, ao tratarse dun programa aberto a idades comprendidas entre os 3 e os 90 anos.

Por último, o presidente provincial puxo en valor a colaboración co tecido deportivo da provincia, asegurando que “Ourense conta cun tecido deportivo comprometido, dinámico e preparado para seguir facendo do deporte unha ferramenta de transformación social”.

0.11415815353394