A terceira edición da Festa Interxeracional de Chantada celebrarase este sábado no Mercado Gandeiro

RibeiraSacraXa
Como novidade, este ano haberá inchables para os nenos e nenas
festa-interxeracional-de-chantada
25 Jun 2026

O Concello de Chantada celebra este sábado 27 de xuño a terceira edición da súa Festa Interxeracional na nave exterior do Mercado Gandeiro.

O evento contará cun programa que inclúe misa solemne, sesión vermú, cóctel de benvida, xantar popular, sorteo de varias viaxes, entrega de agasallos e unha sesión de baile coa orquestra Sinfonía, configurando unha xornada pensada para todos os públicos.

Ademais, como novidade, a festa deste ano contará con inchables para que os nenos e nenas tamén podan desfrutar ao máximo da xornada. Os xogos estarán dispoñibles de 16:00 a 19:00 horas no propio Mercado Gandeiro.

Os prezos das entradas serán de 15 euros para o público xeral, 8 euros para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, mentres que os menores de 6 anos poderán acceder de forma gratuíta. As entradas poden retirarse no departamento de Tesourería do edificio do Concello, na recepción de Servizos Sociais (Edificio Multiusos), na Cafetería Manix e no local El Enjambre de Chantada. O aforo será limitado.

0.1256160736084