A Teixeira prohibe o uso de auga potable para regar, encher piscinas e limpar no exterior pola grave seca

RibeiraSacraXa
O Concello alerta dun consumo excesivo en varias parroquias e advirte de sancións e cortes de subministro para quen incumpra a prohibición
teixeira
12 Aug 2026

O Concello da Teixeira prohibe de xeito absoluto o uso de auga potable para calquera fin que non sexa estritamente doméstico, ante a grave situación de escaseza que atravesa o municipio.

O Concello sinala que os datos de consumo rexistrados amosan que algunhas parroquias están a facer un uso excesivo da auga, moi por riba dos niveis recomendados no contexto de emerxencia actual, o que compromete o abastecemento básico para o conxunto da veciñanza.

Seguindo as recomendacións da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, o Concello decide adoptar medidas de contención e aforro. En concreto, queda terminantemente prohibido regar hortas, xardíns e fincas independentemente do seu tamaño, encher piscinas, estanques ou depósitos, lavar vehículos, maquinaria ou superficies exteriores, e en xeral realizar calquera actividade non esencial que supoña un gasto de auga.

A auga potable, lembra o bando, debe reservarse exclusivamente para usos domésticos básicos: a hixiene persoal, a limpeza mínima do fogar e a preparación de alimentos.

O Concello advirte de que o incumprimento desta normativa poderá supor sancións inmediatas, así como a penalización dos consumos excesivos e cortes puntuais do subministro, xa que se están a detectar lecturas anormalmente altas en determinados contadores do municipio.

0.12487387657166