A Teixeira e Castro Caldelas compartirán experiencias de emprendemento ligadas ao medio rural

O Polo de emprendemento e apoio ao emprego de O Barco organizará o vindeiro mércores 30 de setembro unha xornada para coñecer diferentes experiencias de emprendemento vinculadas ao medio rural e aos recursos do territorio. A actividade desenvolverase entre A Teixeira e Castro Caldelas das 12.30 ás 14.30 horas.
A primeira parada será no taller do escultor Cándido Caneiro, na aldea de Lumeares, na Teixeira. Os participantes coñecerán de preto o seu traballo artístico e a súa traxectoria como emprendedor no ámbito da escultura e do traballo en metal. Durante o encontro tamén se formalizará a doazón dunha das súas obras ao Polo de emprendemento e apoio ao emprego de O Barco, como símbolo de apoio á rede emprendedora local.
A continuación, a xornada trasladarase a Castro Caldelas para coñecer as experiencias da Carnicería O Pepe e do Restaurante El Pallón. Trátase de dous negocios impulsados por unha familia recentemente chegada a Galicia que decidiu apostar polo comercio de proximidade e pola creación dun proxecto empresarial con continuidade na comarca.
A actividade comezará ás 12.30 horas coa recepción dos asistentes e continuará dez minutos despois coa presentación do Polo de emprendemento e apoio ao emprego de O Barco. Ás 12.45 horas terá lugar a visita ao taller de Cándido Caneiro e, ás 13.30 horas, o percorrido pola Carnicería O Pepe e o Restaurante El Pallón.
A partir das 14.00 horas, os participantes poderán compartir petiscos e experiencias nun espazo de networking pensado para establecer contactos, intercambiar ideas e coñecer outras iniciativas empresariais vinculadas ao rural. O peche da xornada está previsto para as 14.30 horas.