A Teixeira conmemora este xoves o Día da Muller Rural no local social de Peneiriña

O Concello da Teixeira celebrará o vindeiro 15 de outubro o Día da Muller Rural cunha xornada dedicada a visibilizar o papel das mulleres no rural e reflexionar sobre a despoboación. A actividade comezará ás 18.00 horas no local social de Peneiriña e está organizada en colaboración coa Colectiva Terra de Caldelas.
A programación incluirá a proxección da curta documental ‘Galicia Vacía’, cunha duración aproximada de 20 minutos, que servirá como punto de partida para un debate aberto sobre a situación das mulleres no rural e os retos demográficos destes territorios.
A xornada rematará coa presentación da Maleta Viaxeira, un novo servizo de préstamo de libros de temática feminista que inicia a súa actividade no municipio. A iniciativa busca achegar á veciñanza lecturas relacionadas co feminismo a través deste recurso bibliográfico.