A Teixeira abre a inscrición nas actividades municipais para o curso 2026/2027

O Concello da Teixeira abriu o prazo de inscrición nas actividades municipais para o curso 2026/2027, cunha programación que inclúe propostas de pintura, tonificación e ioga, ademais dunha lista de interese para organizar un obradoiro de manualidades.
As clases de pintura, tanto de iniciación como de perfeccionamento, comezarán a semana do 19 de outubro. As sesións celebraranse os mércores, de 17.15 a 19.15 horas, e o período previsto para esta actividade estenderase ata o 13 de xaneiro de 2027. As persoas interesadas deberán inscribirse antes do 14 de outubro.
O programa de actividade física desenvolverase de xaneiro a xuño. As sesións de tonificación serán os luns e mércores, de 19.30 a 20.30 horas. Pola súa banda, o ioga en cadeira impartirase os martes e venres, de 10.00 a 11.00 horas, mentres que o ioga en esterilla terá lugar os venres, de 11.00 a 12.00 horas.
No caso das manualidades, o Concello está a recoller persoas interesadas para valorar a posta en marcha da actividade, cuxo posible inicio está previsto para febreiro, en función da demanda.
Para inscribirse nas clases de pintura ou anotarse na lista de interese de manualidades, cómpre contactar co Concello da Teixeira no teléfono 988 207 400. As inscricións para tonificación e ioga deberán realizarse a través de WhatsApp no número 616 808 691.