A subdelegada do Goberno visitou Pantón para poñer en valor as actuacións feitas no municipio

RibeiraSacraXa
A subdelegada do Goberno visitou Pantón para poñer en valor as actuacións feitas no municipio
subdelegada en Pantón
subdelegada en Pantón
8 feb 2023

A subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, confirmou en Pantón a pegada que está a ter o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia do Goberno nos municipios da provincia, con máis de 390.000 euros para a renovación e modernización do sistema de alumeado público exterior en 53 zonas do municipio.

"Grazas ás axudas por parte do Estado o Concello de Pantón puido modernizar máis do 45 % do alumeado público do municipio con tecnoloxía eficiente, reducindo un 75 % o consumo enerxético, o que lle permite ao Consistorio reducir a súa factura enerxética anual en máis de 80.000 euros que poderán investir noutras prioridades e mellorar os servizos públicos que ofrecen aos veciños e veciñas", subliñou Isabel Rodríguez.

A subdelegada reuniuse co alcalde, José Luis Álvarez, e parte da corporación municipal, para informarlles, ademais, sobre os programas dispoñibles do Goberno en materia de vivenda, transición ecolóxica e administración pública, e coñecer, ao mesmo tempo, as súas demandas e inquedanzas.

Isabel Rodríguez explicou que a achega económica do Executivo cobre o 85% do total das actuacións e significa unha importantísima colaboración para un Concello como Pantón, "que puido afrontar unha obra que hoxe cobra moita relevancia polos custes da enerxía e pola necesidade de avanzar na transición enerxética".

Así, substituíron 1.154 luminarias por unhas novas de tecnoloxía LED. Ademais, renováronse 44 instalacións en máis de 50 núcleos do concello, incluíndo cadros de protección e parte do cableado.

Concretamente, os núcleos de Pantón que se beneficiaron destas obras son Ferreira, Siós, Castillón, Acedre, Mato, Piñeiro, Ferreiroá, Paderne, Virís, Sernande, Vilanova, Tanquián, Guende, Ral, Hermida, Xesteira, San Vicente, Serpentiña, Bargo, Castroañe, Carballo, Campo, Formulia, Cotillón, Cangas, Oseira, Guiande, Panfulía, Guítara, Pereiro, Trasulfe, Marce, Nadal, Vilafiz, Ferreira, Seoane, Souto, Prado, Santalla, Vilamelle, Deade, Curro, Toldaos, Cangas, Alto Guítara, Barrio de Eiré, Seragude, Pantón, Souto, Torrón, Ribas de Sil, Estación e Piuca.

O DUS 5000 vai dirixido a municipios cunha poboación de menos de 5.000 habitantes co obxectivo de incentivar a transición enerxética e o cambio cara á mobilidade sostible dos pequenos concellos, que teñen máis dificultadas para acometer grandes investimentos, mediante proxectos singulares e de enerxía limpa.