A Sociedade Xeológica de España a través da UNED organiza un paseo xeoarqueolóxico por Montefurado

RibeiraSacraXa
Será o vindeiro domingo 26 de abril e estará a cargo do xeólogo Óscar Pazos Rodríguez
Montefurado
14 Apr 2026

A Comisión de Xeoloxía da Sociedade Xeológica de España a través da UNED organiza o vindeiro domingo 26 de abril un paseo xeoarqueolóxico titulado ‘O Montefurado do Sil nos seus contextos: da minería aurífera no alto imperio ao proxecto de Henri Steven en 1919’. A actividade estará guiada polo xeólogo Óscar Pazos Rodríguez e ofrecerá unha aproximación divulgativa á historia e funcionamento desta singular obra hidráulica.

O percorrido, cunha duración aproximada de catro horas, permitirá coñecer sobre o terreo a contorna mineira do Montefurado, así como os episodios máis recentes de destrución do enclave. Durante a andaina, os participantes percorrerán o meandro abandonado do río Sil, achegándose á Boca do Monte tanto río arriba como río abaixo, e identificando elementos pouco coñecidos como a canle de derivación escavada no leito fluvial para conducir a auga cara ao furado.

Ademais, a ruta incluirá unha explicación sobre os restos do proxecto impulsado en 1919 por Henri Steven, que contemplaba a construción dunha presa e un túnel secundario co obxectivo de reactivar o funcionamento do Montefurado e recuperar o suposto tesouro acumulado no seu interior.

Ao longo do paseo, tamén se revisarán e desmontarán algúns dos mitos máis estendidos arredor deste enclave, como a súa atribución á época do emperador Traxano, a idea de que o río segue actualmente o seu curso natural ou a existencia dun pozo cheo de ouro no interior. O obxectivo principal será ofrecer unha visión rigorosa da súa orixe, funcionamento e evolución histórica, así como dar a coñecer as interpretacións máis recentes baseadas nas últimas investigacións.

Como complemento á actividade, o día 24 celebrarase un seminario en formato en liña, tamén accesible en diferido, que situará o Montefurado do Sil no contexto doutras obras hidráulicas e mineiras da antiga Gallaecia e Lusitania romanas.

A iniciativa busca achegar ao público o coñecemento científico sobre un dos enclaves máis singulares da enxeñaría mineira romana en Galicia, combinando divulgación, patrimonio e contacto directo co territorio.

0.11610007286072