A segunda edición da “Noite de Estrelas” volverá unir deporte e solidariedade este verán en Quiroga

RibeiraSacraXa
A andaina nocturna celebrarase o 6 de agosto con dous percorridos, de 4 e 8 quilómetros, e destinará toda a recadación á Asociación Española Contra o Cancro
noite-de-estrelas-quiroga
22 Jul 2026

As Festas de Verán de Quiroga 2026 volverán contar coa celebración da “Noite de Estrelas”, unha andaina nocturna solidaria organizada en colaboración coa Asociación Española Contra o Cancro que alcanza este ano a súa segunda edición tras a boa acollida da primeira convocatoria, na que participaron arredor de 350 persoas.

A actividade mantén o formato de andaina nocturna inspirado na Night Trail e na Night Run, aínda que nesta edición estará centrada unicamente na modalidade de sendeirismo. Como principal novidade, os participantes poderán escoller entre dous percorridos diferentes, un de 4 quilómetros e outro de 8.

A saída terá lugar na Praza Rúa Lago. Desde alí, os participantes dirixiranse cara ao Paseo Fluvial. No caso da ruta curta, o regreso á meta realizarase desde a ponte de Villaverde, mentres que quen opte polo percorrido de 8 quilómetros continuará o itinerario ata Ribeira de Abaixo e San Xulián de Arriba e de Abaixo antes de regresar ao punto de chegada.

Toda a recadación obtida coa celebración da proba será destinada á Asociación Española Contra o Cancro.

A inscrición terá un custo de 5 euros para as persoas adultas e de 3 euros para os menores de 16 anos, e poderán realizarse ata o 5 de agosto na recepción do Concello de Quiroga, en horario de 9.00 a 14.00 horas. Ademais, as persoas interesadas tamén poderán anotarse o mesmo día da proba, entre as 21.00 e as 22.00 horas, na Praza Rúa Lago, diante da Botica.

0.15433311462402