A Seara acolleu o peche da edición primaveral do proxecto RadioVisual do Patrimonio

A aldea da Seara, no corazón do Xeoparque Montañas do Courel, foi este venres o escenario do último evento da edición de primavera do proxecto RadioVisual do Patrimonio, unha iniciativa de dinamización cultural que pecha así o seu percorrido por seis concellos galegos nesta 2026.
A emisión realizouse desde o Centro de Interpretación da Música de Raíz da Fundación LEGAR, nun encontro que contou coa participación destacada do alumnado e profesorado do CEIP de Quiroga, que achegaron contidos propios arredor do patrimonio local e interactuaron en directo coas persoas convidadas.
O protagonista da xornada foi o artista e artesán Xavier Blanco, que exerceu como anfitrión e ofreceu unha intervención na que combinou explicacións, demostracións e actuacións musicais. Blanco tamén respondeu ás preguntas formuladas polo alumnado, nun formato pensado para achegar a música de raíz á mocidade.
O evento tivo lugar nun espazo que desde finais de 2024 se consolidou como referencia na divulgación da música tradicional galega e do seu patrimonio inmaterial. O Centro de Interpretación da Música de Raíz, impulsado polo propio Xavier Blanco e pola súa muller, Martina Ferradás, reúne unha colección de máis de 1.200 instrumentos e materiais vinculados á tradición musical galega, froito de máis de catro décadas de investigación.
Durante a emisión, tamén participaron voces do territorio como a veciña Maribel, que compartiu lembranzas da vida na aldea noutras épocas, e o alcalde de Quiroga, José Luis Rivera, que agradeceu a elección do municipio para acoller o proxecto e participou nun intercambio co alumnado sobre os retos locais.
O encontro contou ademais cunha conexión internacional co alumnado do Agrupamento de Escolas de Monção (Portugal), que seguiu a emisión en directo e enviou unha mensaxe de saúdo ao público de Quiroga.
O RadioVisual do Patrimonio, promovido por Casa de Tolos e a asociación Ponte... nas Ondas!, forma parte do programa Territorio Cultura da Axencia Galega das Industrias Culturais e desenvolve eventos participativos que combinan radio, música e creación audiovisual en directo.
Tras pasar por Cea, Muros, Ribeira de Piquín e Castro de Rei, A Seara foi a última parada desta edición, que pecha así unha nova xeira centrada na posta en valor do patrimonio inmaterial e na conexión entre escola, territorio e comunidade.