A saída da 4ª etapa de La Vuelta Femenina 2026 provocará cortes de tráfico este mércores en Monforte

El Concello de Monforte informa da posta en marcha dun dispositivo especial de tráfico con motivo da saída desde a cidade da 4ª etapa de La Vuelta Femenina 2026, prevista para o mércores 6 de maio.
Segundo explicou o rexedor, o Concello leva semanas traballando xunto coa Policía Local e a organización da proba para coordinar un operativo que garanta o correcto desenvolvemento do inicio da etapa, que partirá da Praza da Compañía arredor das 14.15 horas e percorrerá varias rúas do centro urbano antes de abandonar a cidade pola zona do Morín en dirección á LU-546.
A etapa, con saída en Monforte e chegada en Antas de Ulla, contará cun percorrido de 115 quilómetros que atravesará distintas localidades da provincia de Lugo como Sarria, Láncara, O Páramo, Portomarín, Taboada ou Monterroso, antes de concluír no Parque Central de Galicia.
O dispositivo afectará de maneira significativa á circulación e ao estacionamento no centro da cidade. O aparcadoiro do Parque dos Condes permanecerá pechado desde a noite do luns 4 de maio ata a retirada total das instalacións, prevista para a tarde do mércores.
O día da proba, varias rúas do núcleo urbano verán restricións progresivas ao tráfico a partir da mañá, especialmente na contorna da rúa Compañía e outras vías do centro, así como no eixo que comprende Cardenal, Roberto Baamonde e Conde. Posteriormente, o corte estenderase a outras arterias como a Avenida de Galicia, rúa Chantada, Ronda María Emilia Casas Baamonde, Doctor Casares e Morín, coincidindo co paso da carreira.
O Concello recomenda á cidadanía planificar os desprazamentos con antelación e atender ás indicacións da Policía Local para minimizar as afectacións durante o desenvolvemento do evento deportivo.