A ruta Épico Parteme-Pía Paxaro reúne en Quiroga a 20 ciclistas nunha xornada de BTT con participación de referentes galegos

Quiroga acolleu unha nova edición do Épico Parteme-Pía Paxaro, unha xornada de ciclismo de montaña que reuniu a 20 participantes e a 45 persoas das familias nun encontro deportivo e de convivencia arredor da bicicleta.
A actividade mantivo o percorrido habitual con saída desde Quiroga en dirección a Parteme, pasando polo Alto do Boi antes de afrontar a subida ata Pía Paxaro, situada a 1.610 metros de altitude. Tras alcanzar este punto, os participantes iniciaron a baixada polas canteiras ata chegar a Pacios da Serra, onde tivo lugar o xantar de convivencia.
A ruta completouse posteriormente seguindo o curso do río Quiroga ata regresar de novo ao punto de saída no municipio.
O encontro converteuse nunha fin de semana de ciclismo entre amigos en Quiroga e contou nesta edición coa presenza de nomes destacados do BTT galego, como Brandan Márquez e Eva Ortega, así como do xornalista, ciclista e creador de contido Ramón Mella.
Ademais da parte deportiva e de convivencia, a xornada serviu tamén para realizar probas sobre diferentes modificacións do percorrido da Quiroga Bike Marathon, unha cita que se celebrará o vindeiro 19 de setembro en Quiroga.