A Ruta “Arte no Ar” de Quiroga incorpora un novo mural e alcanza as 15 obras ao aire libre no municipio

RibeiraSacraXa
A creación “Cando arde o monte e a alma”, de Román Linacero, rende homenaxe ás persoas afectadas polo gran incendio de 2025 e amplía un itinerario artístico impulsado pola Asociación Quiroga en Marcha
novo-mural-cando-arde-o-monte-e-a-alma-quiroga
6 Aug 2026

A Ruta “Arte no Ar” de Quiroga continúa medrando coa incorporación dun novo mural, elevando a quince o número de intervencións artísticas que forman parte deste percorrido urbano ao aire libre. A nova creación, promovida pola Asociación Quiroga en Marcha, leva por título “Cando arde o monte e a alma” e converteuse na última incorporación a un proxecto que combina arte, memoria e identidade local.

A ruta comeza na Oficina de Turismo, situada na Casa da Cultura, onde se atopan os Lapis da Cultura, realizados en 2021 por Felipe Piñuela. Esta intervención homenaxea a escritores vinculados ao municipio a través dunha composición que reivindica o patrimonio literario de Quiroga.

O itinerario continúa co mural dedicado ao Quiroga Trail Challenge, obra de Román Linacero creada en 2024. A peza representa un corredor de montaña como símbolo do esforzo que require esta competición e como recoñecemento ás persoas que fan posible a súa organización.

Na confluencia da rúa Real coa rúa San Martiño de Abaixo atópase a “Súper avoa vendimadora”, mural realizado en 2020 por Joseba Muruzábal. A obra está inspirada nunha veciña de Quiroga e reivindica o papel da muller rural e a súa vinculación co traballo no campo.

Moi preto da igrexa de San Martiño pode contemplarse outra creación do mesmo artista, “O Meco e as Pampórnigas”, pintada en 2022 e dedicada ás figuras tradicionais da romaría da Ermida.

Na rúa Real, xunto ao Camiño de Inverno, Mon Devane asinou en 2021 “A peregrina do Camiño de Inverno”, unha obra que pon en valor a importancia desta ruta xacobea ao seu paso polo municipio.

Xa na Praza Maior, o mural “A alvariza”, de Germán González, recrea unha escena arredor da produción de mel, un dos produtos característicos da zona, coa presenza dun oso buscando o seu alimento.

Na avenida do Caurel sitúase “A Coballa”, creada por Román Linacero en 2025. O mural recupera a figura de Ramona López, coñecida como A Coballa, unha veciña que durante anos percorreu as rúas de Quiroga vendendo froita nun carriño.

A incorporación máis recente á ruta é “Cando arde o monte e a alma”, instalada na rúa dos Tallos. Nesta obra, Román Linacero rende homenaxe ás persoas que sufriron as consecuencias do gran incendio rexistrado no municipio en 2025 a través do retrato de Enrique Diéguez, veciño dos Albaredos que perdeu a súa vivenda durante o lume.

O percorrido inclúe tamén “Xove na beira da auga”, mural realizado por Iván Floro (Van Vuu) en 2021, no que unha moza xunto a un río evoca a paisaxe da Ribeira Sacra.

Na Praza de España poden verse dúas intervencións. A primeira é o “Mural do pato”, realizado en 2024 por Alba Fabre e Jokin Oregi "Sor2", que representa unha escena entre unha avoa e a súa neta para reivindicar os valores interxeracionais. A segunda é o retrato de Rosalía de Castro, obra de Pablo López Sanjurjo realizada en 2021, que reivindica cuestións como os dereitos das mulleres, a defensa da lingua galega e a emigración.

En dirección ao Centro de Saúde atópase “Bésame en esta esquina”, creación do artista quirogués José Luís Lemos, que propón un espazo simbólico para o encontro e o romanticismo.

No Pavillón Municipal, Abi Castillo realizou en 2020 o mural “Sororidade”, unha obra dedicada á solidariedade entre as mulleres e á loita contra a discriminación e a violencia machista.

A ruta continúa xunto ao CEIP, onde se conserva “Escala cromática”, unha composición xeométrica de cores vivas, antes de chegar ao Albergue Municipal. Na súa fachada pode contemplarse “A lavandeira do Sil”, mural realizado en 2015 por Miguel Peralta para promocionar a Ribeira Sacra a través da representación dunha aureana ou lavandeira, figura da mitoloxía popular. Neste edificio tamén se atopa outra serie dos Lapis da Cultura.

O percorrido remata no Auditorio Municipal, onde Mon Devane pintou en 2021 “Neno coa oliva”, unha obra que pon en valor o aceite, un dos produtos máis representativos do municipio.

A maior parte destas intervencións foron impulsadas pola Asociación Quiroga en Marcha, coa colaboración do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, a Deputación Provincial, o Concello de Quiroga e numerosos veciños, consolidando a Ruta “Arte no Ar” como un dos principais atractivos culturais ao aire libre da vila.

0.13051891326904