A romaría do San Mateo pecha o programa do Verán Cultural de Monforte

RibeiraSacraXa
O alcalde, José Tomé Roca, participou nesta tradición que puxo fin a un verán cheo de actividades
tome-romeria-san-mateo
22 Sep 2026

A parroquia de A Parte celebrou este luns a tradicional romaría do San Mateo, unha cita coa que o Concello de Monforte de Lemos puxo o punto final ás actividades incluídas no programa do Verán Cultural.

O alcalde, José Tomé Roca, participou na celebración acompañado pola tenente de alcalde, Gloria Prada; o concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada, e o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Tomé. Ao longo da xornada, o rexedor percorreu o recinto e conversou con veciños e veciñas, ademais de achegarse á zona na que se concentraron as persoas máis novas.

O Concello colaborou no desenvolvemento da romaría coa organización do dispositivo de seguridade, coordinado pola Policía Local. No operativo participaron tamén a Policía Nacional, a Garda Civil, Protección Civil, persoal municipal de Servizos á Cidadanía e unha ambulancia para atender posibles incidencias durante a celebración.

A administración municipal tamén realizou unha achega económica para contribuír á organización da festa, na mesma liña que nas demais celebracións parroquiais do municipio. Entre os medios facilitados atópase a instalación de contedores no recinto para favorecer a correcta recollida dos residuos xerados durante a xornada.

José Tomé destacou a importancia de garantir unhas condicións adecuadas para o desenvolvemento dunha celebración cunha longa tradición na parroquia da Parte. “O obxectivo é que unha romaría de gran tradición como esta se celebre coa maior tranquilidade e seguridade posibles, por iso desde o Concello coordinamos un dispositivo no que contamos coa colaboración dos diferentes Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, ademais de persoal municipal e da Policía Local”, sinalou o rexedor.

A romaría do San Mateo converteuse así na última actividade do calendario do Verán Cultural promovido polo Concello de Monforte durante este ano.

0.14915204048157