A Ribeira Sacra debate en Pantón o futuro do territorio tras o fracaso da candidatura a Patrimonio Mundial

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) convocou un foro de reflexión baixo o título ‘Ribeira Sacra: agora que?’, que terá lugar o vindeiro 12 de decembro na Casa da Cultura de Ferreira de Pantón. O encontro nace coa intención de analizar de xeito conxunto o fracaso institucional da candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial, así como de dar voz ás inquedanzas e necesidades das asociacións e veciños da comarca, que durante o proceso denunciaron falta de participación e de consenso.
A xornada estruturarase en dúas mesas de debate. A primeira, prevista para as 10.30 horas, levará por título ‘O fracaso institucional da candidatura da Ribeira Sacra: por que e que facemos agora?’ e reunirá á historiadora da arte e restauradora Natalia Figueiras, presidenta da FEARS; ao arqueólogo e investigador Xurxo Ayán Vila, que dirixiu distintas escavacións e investigacións na zona; e ao arquitecto e investigador Francisco Allegue. A presentación e moderación correrá a cargo de Paula Vázquez Verao, vicepresidenta da federación. Despois desta primeira parte, ás 12.00 horas farase unha pausa para o café.
Ás 12.30 horas comezará a segunda mesa, baixo o título ‘Voces do territorio. Problemas e solucións para as parroquias e as xentes da Ribeira Sacra'. Nela intervirán representantes de distintos colectivos da contorna, entre eles a Asociación Veciñal do Saviñao, a Asociación Cultural Segredos de Pantón, a Asociación Veciñal O Piloto de Pesqueiras e o colectivo Chantada quere Sanidade. Tamén participarán Josefa Fernández Figueiras, en representación da asociación Xuntas polo Territorio; Jorge Pérez Arias, afectado polos lumes que asolaron Pantón en 2025; e Cristina Rivas e Purificación González, da ANPA do CEIP de Sober.
Unha vez rematadas as intervencións, e tras unha pausa para o xantar, celebrarase a VIII Asemblea da FEARS, cuxa documentación se enviará aos asistentes por correo electrónico. A organización solicitou ás persoas interesadas en participar na xornada que confirmen a súa asistencia a través do correo federacionribeirasacra@gmail.com antes do 3 de decembro.