A Ribeira Sacra contará co primeiro plan de ordenación de recursos forestais de Galicia

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
Arrinca a tramitación dun instrumento de planificación forestal pioneiro para a comarca, pensado para adaptarse á súa viticultura tradicional, á súa paisaxe e ao seu valor ambiental de cara ao período 2026-2030
bosque-manzaneda
1 Sep 2026

A Ribeira Sacra converterase na primeira zona de Galicia en contar cun plan de ordenación dos recursos forestais (PORF), segundo un informe coñecido este martes polo Consello da Xunta. O documento pon en marcha, durante este mesmo semestre, a tramitación do encargo para elaborar este instrumento na súa versión simplificada, deseñado para axilizar a aplicación sobre o terreo das liñas de actuación recollidas no Plan forestal de Galicia 2021-2040.

O traballo incluirá a elaboración de toda a documentación técnica necesaria: a delimitación e caracterización do territorio, unha análise das súas condicións físicas, ambientais e socioeconómicas, un estudo da estrutura da propiedade e a identificación dos principais recursos forestais existentes. A partir de aí planificaranse as actuacións necesarias para cumprir os obxectivos marcados no Plan forestal. O encargo contempla tamén a tramitación administrativa do instrumento, con procesos de consulta aos concellos, ás persoas propietarias forestais, ás organizacións do sector e a outros axentes sociais e institucionais, ademais da correspondente fase de información pública.

O obxectivo é dotar a comarca dunha ferramenta de planificación adaptada ás súas singularidades territoriais, ambientais, paisaxísticas e socioeconómicas, que permita unha xestión máis sostible dos seus recursos forestais.

Trátase do primeiro PORF que se impulsa en Galicia, dentro dunha programación por quinquenios prevista no Plan forestal autonómico. Segundo ese calendario, o desenvolvemento destes plans corresponde ao período 2026-2030, e a intención é estender progresivamente este tipo de instrumentos —comezando por versións simplificadas de aplicación máis rápida— ao conxunto do territorio forestal galego ao longo destes anos. A Ribeira Sacra é unha das primeiras zonas escollidas dentro dese proceso máis amplo.

A elección desta comarca responde á súa relevancia forestal, ambiental, paisaxística e socioeconómica: unha elevada diversidade de ecosistemas, a coexistencia de múltiples usos do territorio, o peso da viticultura tradicional e do seu patrimonio natural e cultural, xunto coa presenza de amplas superficies forestais, fan aconsellable, segundo o informe, avanzar nun instrumento específico que fixe criterios comúns para a ordenación destes recursos.

0.15359115600586