A Ribeira Sacra acolle unha nova edición da “Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños”

A Ribeira Sacra acolle esta fin de semana unha ampla programación de actividades no marco da “Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños”, unha iniciativa que busca promocionar o enoturismo e poñer en valor os recursos vitivinícolas e patrimoniais da zona.
O programa desenvolverase desde o venres 29 de maio ata o domingo e inclúe visitas guiadas a adegas, catas e múltiples experiencias vinculadas á cultura do viño. En total, participan 12 adegas, que abrirán as súas portas ao público no marco desta proposta.
Tamén se porán en marcha os denominados Buses do Viño, que sairán desde diferentes cidades galegas e percorrerán rutas con paradas en adegas, museos, miradoiros e espazos destacados do patrimonio natural e cultural da contorna.
Ademais, a programación complétase cunha ducia de actividades paralelas entre as que se inclúen propostas moi diversas, como paseos entre viñedos en Adegas Moure, visitas a Proendos (Sober), percorridos en barca, un itinerario teatralizado por Monforte de Lemos, un concerto de jazz con cata no embarcadoiro dos Chancís (Sober), obradoiros de cerámica en Doade, rutas polo patrimonio románico do Saviñao con final no miradoiro do Cabo do Mundo, así como saídas en segway e visitas a distintos centros de interpretación e museos da zona, como o Centro de Interpretación do Viño da Ribeira Sacra, o Ecomuseo de Arxeriz e o Museo Etnográfico de Quiroga.
Ademais das actividades, sortearanse 15 premios entre os participantes na campaña a través das redes sociais de Turismo de Galicia, con tres premios por cada ruta do viño. O galardón consiste nunha fin de semana para dúas persoas, con aloxamento nunha noite de sábado e comida o domingo en establecementos asociados á iniciativa.