A residencia de Bóveda incorporará 24 prazas para persoas con discapacidade intelectual e doenza mental

RibeiraSacraXa
A Xunta destinará 4,5 millóns de euros durante os próximos catro anos para financiar o novo servizo mediante un concerto social
Residencia persoasdiscapacidade Boveda
22 Sep 2026

A residencia de atención á discapacidade de Bóveda contará cunha nova unidade especializada para persoas con patoloxía dual, é dicir, con discapacidade intelectual e doenza mental. O Consello da Xunta autorizou este martes a convocatoria dun concerto social para poñer en marcha este servizo, que disporá de 24 prazas.

O financiamento previsto para estas novas prazas ascende a 4,5 millóns de euros durante os próximos catro anos, ata 2030. O concerto poderá ser renovado posteriormente ata alcanzar unha duración máxima de dez anos.

A nova unidade ofrecerá unha atención especializada e integral, adaptada ás necesidades das persoas residentes, co obxectivo de contribuír ao seu benestar e á súa calidade de vida.

Actualmente, a residencia de Bóveda conta con 114 prazas financiadas pola Xunta, todas elas destinadas a persoas con discapacidade intelectual. A incorporación deste novo servizo permitirá ampliar a atención residencial especializada neste ámbito e, segundo a Xunta, contribuír tanto ao benestar das persoas usuarias como ao respiro das súas familias.

0.14574289321899