A Rede Galega de Vixilancia de Vectores incorpora novos concellos na provincia de Ourense

GaliciaXa | RibeiraSacraXa | ACoruñaXa | OurenseXa
A rede, creada en 2017, suma un total de 31 concellos repartidos polas catro provincias galegas
mosquito-tigre
1 Jul 2026

A Rede Galega de Vixilancia de Vectores (ReGaViVec), da que neste 2026 forman parte 31 concellos, continúa reforzando o seu labor de identificación dos principais organismos transmisores de enfermidades en Galicia.

Dos 64 municipios convidados a participar na rede durante o presente ano, 26 confirmaron a súa adhesión: A Coruña, Betanzos, Carballo, Noia, Ordes, Santiago de Compostela, Vimianzo, Monforte de Lemos, Baiona, Bueu, A Guarda, Moaña, Mos, As Neves, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Pontevedra, O Rosal, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Vigo e Vilagarcía de Arousa.

A estes municipios sumáronse recentemente Allariz, O Carballiño, Castrelo de Miño, Ourense e Rairiz de Veiga, tras unha reunión informativa organizada polo Departamento Territorial de Sanidade en Ourense na que se destacou a importancia da súa colaboración na vixilancia entomolóxica.

A rede foi creada en 2017 mediante un convenio de colaboración entre as consellerías de Sanidade e de Medio Rural e as universidades de Santiago de Compostela e Vigo. O seu obxectivo é identificar os principais organismos transmisores de enfermidades humanas e animais, coñecer a súa distribución e abundancia, avaliar o risco de transmisión de patóxenos e facilitar a adopción de medidas preventivas para protexer a saúde da poboación.

Na actualidade, en Galicia están presentes especies de mosquitos capaces de transmitir enfermidades como o virus do Nilo Occidental (mosquitos do xénero Culex) ou enfermidades como dengue, chikungunya e zika (mosquito tigre, Aedes albopictus).

Aínda que estas especies non están a transmitir estas enfermidades na comunidade por non estaren infectadas polos microorganismos causantes, a súa vixilancia considérase fundamental para detectar de forma temperá calquera cambio na situación epidemiolóxica.

Durante 2026 confirmouse a presenza do mosquito tigre tamén no concello da Coruña, o primeiro da zona norte de Galicia, que se suma aos xa detectados en Moaña, Vigo, Cangas, Redondela, Vilaboa, O Porriño, Tui, Mos, Bueu, Ponteareas, Poio e Salvaterra de Miño.

Co obxectivo de avaliar a evolución da situación e coordinar as actuacións de seguimento e control, o vindeiro 9 de xullo reunirase o Comité Interdepartamental do Mosquito Tigre, no que participarán concellos con presenza confirmada deste vector, áreas sanitarias implicadas e organismos colaboradores.

Toda a información sobre o mosquito tigre e as recomendacións de prevención está dispoñible na web da Dirección Xeral de Saúde Pública do Sergas.

0.12301802635193