A rapazada de Ribas de Sil e os maiores de San Clodio volveron compartir unha xornada de convivencia interxeracional

RibeiraSacraXa
O encontro anual do Campamento de Verán incluíu un bingo, unha merenda e música e baile conxuntos no Centro da Terceira Idade
xornada-intrxeraional-campamento-ribas-de-sil
30 Aug 2026

O Campamento de Verán do Concello de Ribas de Sil celebrou un ano máis o seu encontro entre xeracións coa participación dos nenos e nenas e dos homes e mulleres residentes no Centro da Terceira Idade de San Clodio.

A actividade, organizada a través das concellerías responsables e en colaboración co centro, comezou cun agasallo preparado pola propia rapazada. Cada participante entregou aos maiores un ramo de flores elaborado con cartolina, nun xesto que serviu para iniciar a xornada de convivencia.

Durante a visita houbo tempo para compartir diferentes actividades. Os asistentes participaron nun bingo e posteriormente desfrutaron dunha merenda conxunta. A música tamén tivo un papel protagonista e pequenos e maiores acabaron bailando xuntos ao ritmo de “Chacachá do tren”.

A despedida chegou tamén acompañada de música, xa que os residentes prepararan unha canción para poñer o punto final á visita.

Este encontro anual busca favorecer a relación entre as diferentes xeracións e crear un espazo para compartir tempo, experiencias e afecto. A actividade permite así achegar a rapazada ás persoas maiores e reforzar os vínculos dentro da comunidade.

Na iniciativa participaron os responsables e o persoal do centro, os monitores e monitoras, o voluntariado, os nenos e nenas do Campamento de Verán e os residentes do Centro da Terceira Idade de San Clodio.

0.15940093994141