A rapazada de Ribas de Sil crea unha “Árbore de Valores” para promover a igualdade e o respecto

RibeiraSacraXa
A actividade, celebrada durante os Obradoiros de Verán desta semana, abordou tamén a convivencia e a prevención da violencia de xénero
obradoiros-de-veran-campamento-ribas-de-sil
23 Aug 2026

A rapazada participante nos Obradoiros de Verán do Concello de Ribas de Sil dedicou esta semana parte das actividades a traballar arredor de valores fundamentais como a convivencia, a igualdade e a prevención da violencia de xénero.

A actividade comezou coa elaboración de siluetas das mans en cartolinas de diferentes cores. Despois de reflexionar e compartir ideas, os nenos e nenas escribiron nelas aqueles valores e actitudes que consideran importantes para favorecer unha convivencia baseada no respecto e na igualdade.

O resultado foi unha “Árbore de Valores” na que quedaron recollidas palabras e mensaxes como respecto, solidariedade, empatía, tolerancia, amor, cariño e axudar, así como reflexións relacionadas coa convivencia, como levarse ben, non insultar, non pegar ou ser bos cos amigos. O traballo realizado pola rapazada pode visitarse na cristaleira da Aula de Pesca da Praia Fluvial de San Clodio.

A actividade tamén deixou espazo para a improvisación e o xogo. Ante a ameaza de chuvia, os nenos e nenas decidiron montar unha tenda de campaña. Desde as concellerías responsables dos Obradoiros de Verán felicitaron á rapazada pola súa participación e pola súa contribución á construción dunha sociedade «máis igualitaria, respectuosa e libre de violencia».

Así mesmo, trasladaron o seu agradecemento aos monitores e monitoras e ao voluntariado pola súa implicación e polo traballo diario coa rapazada, que permite desenvolver iniciativas deste tipo durante o verán.

0.14372897148132