A Quiroga Bike Marathon cambiará o prezo das inscricións a partir do 31 de xullo

O prazo para inscribirse na Quiroga Bike Marathon 2026 mantense aberto, aínda que o actual prezo reducido estará dispoñible só ata o 30 de xullo. A partir do día 31, a tarifa de inscrición pasará de 30,90 a 35,90 euros.
A competición disputarase o 19 de setembro en Quiroga e volverá converter o municipio nun punto de encontro para os afeccionados ao mountain bike, cun percorrido que discorrerá por distintos espazos do Xeoparque Montañas do Courel.
Nesta edición ofreceranse dúas modalidades adaptadas a diferentes niveis de preparación. A Bike Marathon contará cun trazado de 45 quilómetros e 1.300 metros de desnivel positivo, mentres que a Bike Extreme elevará a esixencia ata os 65 quilómetros e 2.300 metros de desnivel positivo.
Os percorridos combinarán carreiros, descensos, zonas rápidas e tramos técnicos, co obxectivo de ofrecer unha experiencia deportiva en plena natureza.
A organización permitirá participar tanto de maneira individual como por parellas e non será necesario dispoñer de licenza federativa. A inscrición inclúe bolsa do corredor, seguro deportivo e sistema de cronometraxe mediante chip.
Como novidade desta edición, todas as persoas que completen a proba entrarán no sorteo dun voo en parapente como acompañante sobre a contorna de Quiroga. As inscricións poden realizarse a través da páxina web oficial da carreira.