A provincia de Ourense conta con 12 novos tractores para reforzar a prevención de incendios

A Consellería do Medio Rural e a Deputación de Ourense continúan reforzando a cooperación institucional na prevención dos incendios forestais coa entrega de 12 novos tractores destinados a concellos e mancomunidades da provincia para labores de limpeza e defensa do monte.
O acto de entrega do novo material desenvolveuse este mediodía no Parque de Maquinaria da Deputación e estivo presidido pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e o presidente provincial, Luis Menor. Na xornada tamén participaron o director xeral de Defensa do Monte, Manuel Francisco, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Manuel Pardo.
Os novos tractores irán destinados aos concellos de Carballeda de Avia, Allariz, Padrenda, Chandrexa de Queixa, Vilar de Santos, A Pobra de Trives, O Carballiño, Vilardevós, Carballeda de Valdeorras, Verín e Xunqueira de Ambía, ademais da mancomunidade Santa Águeda, integrada por Coles, Amoeiro, A Peroxa e Vilamarín.
Esta entrega súmase á realizada o pasado mes de febreiro a outros doce municipios e mancomunidades ourensás, dentro dun plan de colaboración entre ambas administracións que mobilizou, segundo destacou a conselleira, 6,5 millóns de euros entre os anos 2024 e 2025.
Os fondos permitiron non só a adquisición de maquinaria forestal, senón tamén a posta en marcha de brigadas mancomunadas de seis meses de duración e a formación especializada do persoal no Centro Integral de Loita contra o Lume (CILL) de Toén.
Ademais, ambas institucións renovaron recentemente o protocolo de cooperación e asinaron novos convenios con seis mancomunidades da provincia. Entre as novidades figura a incorporación das mancomunidades da Comarca de Ourense e de Santa Águeda ás xa existentes.
O novo acordo tamén contempla o incremento do número de brigadas forestais, que pasarán de 16 a 22 e desenvolverán o seu traballo durante seis meses. O investimento específico para este dispositivo supera os 1,9 millóns de euros.