A Primavera de Portas Abertas impulsa o enoturismo nas catro denominacións de orixe cun centenar de actividades

GaliciaXa | RibeiraSacraXa
No caso da Ribeira Sacra haberá 12 propostas, con rutas en barco, concertos con cata e talleres creativo
quiroga viñedos
26 Apr 2026

A Primavera de Portas Abertas nas Rutas dos Viños de Galicia celebra a súa 15ª edición cun programa que suma preto dun cento de actividades nas cinco denominacións de orixe. A iniciativa, organizada por Turismo de Galicia en colaboración coas asociacións das rutas, desenvolverase durante varias fins de semana de maio e xuño e contará coa participación de 59 adegas.

En total están programadas 61 actividades, ás que se engaden as visitas guiadas e gratuítas ás adegas durante as fins de semana da campaña. A oferta inclúe tamén rutas polos viñedos, sendeirismo, percorridos en barco, catas de viño e maridaxes, así como obradoiros de distinta temática. Ademais, habilitaranse 32 “Buses do Viño” con diferentes saídas e percorridos para facilitar os desprazamentos.

Por rutas, a de Monterrei contará con catro actividades organizadas, entre as que se inclúen obradoiros de harmonías con viños da denominación e produtos como conservas do mar e queixos, un túnel de viños e unha ruta polos lagares rupestres da zona.

Na Ruta do Viño de Valdeorras desenvolveranse 18 actividades, que abranguen rutas polos viñedos, por espazos naturais e polo patrimonio cultural e arquitectónico, ademais de túneles de viño, catas de viños e doutros produtos como queixos, obradoiros de escumosos e experiencias de benestar.

A Ruta do Viño de Rías Baixas suma 12 actividades, nas que participan 17 adegas, xunto con pazos con viñedos e entidades como centros de interpretación e museos. O programa inclúe visitas guiadas, catas de viños, augardentes e licores, obradoiros de cociña e fotografía e unha ruta de sendeirismo.

Na Ribeira Sacra están previstas 12 actividades, organizadas pola propia ruta, centros culturais e empresas do sector. Ademais das visitas ás adegas e paseos entre viñedos, haberá rutas de sendeirismo e en barca, visitas a localidades e edificios senlleiros, un concerto con cata de viños e un obradoiro de cerámica con degustación.

Finalmente, a Ruta do Viño do Ribeiro contará con 15 actividades, entre as que se inclúen catas e degustacións, aperitivos con vermú artesanal, picnic entre viñedos, visitas a localidades e centros culturais, un obradoiro de decoración de copas, un rally fotográfico pola ribeira do Miño e unha experiencia termal.

A programación complétase con accións nas redes sociais, nas que se sortearán 15 premios que inclúen aloxamento e xantar en establecementos asociados ás rutas.

Desde Turismo de Galicia destacan que esta iniciativa contribúe á desestacionalización da oferta turística e á súa distribución territorial, apoiándose no enoturismo como un dos recursos estratéxicos da comunidade.

0.11373496055603