A Pobra do Brollón presenta o cartel anunciador da Feira Guímara

A Pobra do Brollón xa conta co cartel que anunciará a Feira Guímara deste ano tras resolverse o 2º Concurso de carteis do certame. O xurado, despois de valorar un total de cinco deseños presentados, seleccionou como proposta gañadora a titulada “Guímaros!!”, cuxo autor é o veciño Iago López.
O cartel distingue o espírito rebelde e xusticeiro da revolta guímara a través das dúas figuras protagonistas, ao tempo que incorpora elementos identitarios da festa e do territorio cun enfoque visual destacado.
A Feira Guímara celebrarase o 11 de xullo e conmemora a revolta da veciñanza da Pobra do Brollón contra as inxustizas do Conde de Lemos en época medieval.
Segundo se recolle nas bases do certame, o autor do cartel gañador recibirá un premio de 200 euros. O concurso ten como obxectivo implicar á cidadanía na difusión desta celebración de carácter histórico e participativo, ademais de servir como imaxe oficial da feira deste ano.