A Pobra do Brollón prepárase para o XV Concurso de Tapas Guimaralia

RibeiraSacraXa
O Concurso de Tapas terá lugar dende o 29 de novembro ata o 5 de decembro, dando paso aos Cantos de Taberna que terán lugar durante a tarde-noite do venres 6 de decembro
Concurso de Tapas da Guimaralia
Concurso de Tapas da Guimaralia
25 Nov 2024

A Pobra do Brollón prepárase para XV edición do Concurso de Tapas da Guimaralia. Entre o 29 de novembro e ata o 5 de decembro poderanse probar as propostas dos seis bares participantes e entrar nun sorteo votando pola tapa favorita.

Catro locais participan na propia Pobra do Brollón: Avenida, A Vella Taberna, Primeiro de Maio e Bar Pirata. Fóra da capitalidade, participan A Salanova en Salcedo e mais O Fogón en Cereixa.

Cada tapa debe incluír ao menos un ingrediente dalgún produtor local do municipio da Pobra do Brollón e dito ingrediente debe ir explicitado no nome do pincho.
As propostas foron catadas previamente por dous profesionais da hostalería: o cociñeiro Diego Martínez e o sumiller Marcos Eiré. A cata está dirixida a garantir os estándares de calidade dos pinchos e asegurar o cumprimento das condicións.

A elección do primeiro, segundo e terceiro premio será, coma sempre, por votación popular. Cada votante debe elixir a súa tapa favorita nunha tarxeta de voto debidamente selada por todos os bares participantes. Os e as votantes entrarán nun sorteo dunha noite con circuíto termal no Hotel Iberik Augas Santas de Ferreira de Pantón.

As tapas do concurso teñen un prezo único de 1,50 euros. Pódense probar en horario de 12.00 a 14.00 e de 19.00 a 22.00 horas.

O Concurso de Tapas terá lugar dende o 29 de novembro ata o 5 de decembro, dando paso aos Cantos de Taberna que terán lugar durante a tarde-noite do venres 6 de decembro.

0.16643309593201