A Pobra do Brollón prepárase para celebrar as Festas do Corpus 2026

A comisión de festas da Pobra do Brollón xa ten todo listo para a celebración do Corpus 2026, unha cita que encherá de música, tradición e ambiente festivo a localidade durante tres xornadas consecutivas, do venres 5 ao domingo 7 de xuño.
O programa arrancará o venres pola tarde cun pasarrúas a cargo da Charanga NBA, que percorrerá as rúas da vila a partir das 20.30 horas. Unha hora máis tarde haberá pinchos gratuítos para os asistentes e, a continuación, dará comezo a verbena coa actuación da banda Doctor Slump e do DJ Brollón.
O sábado 6 de xuño a actividade iniciarase ás 10.00 horas coa alborada do Grupo de Gaiteiros Érbedo. Ao mediodía celebrarase a misa solemne e, seguidamente, unha sesión vermú no campo da festa. Pola noite, desde as 22.00 horas, a música correrá a cargo do grupo Supertop e do DJ Kola.
A programación continuará o domingo coa segunda alborada dos Gaiteiros Érbedo. Ás 13.00 horas terá lugar a misa solemne, que contará coa participación da Coral Polifónica Samoeiro. Despois celebrarase a procesión e unha sesión vermú amenizada por unha Banda de Música de Sarria, actuación subvencionada pola Deputación de Lugo.
Como broche final ás festas do Corpus, a partir das 22.00 horas subirase ao escenario a orquestra Suavecito, encargada de pechar tres días de celebración na vila.
Ademais, durante as festas haberá inchables gratuítos para os máis pequenos, co obxectivo de que o público infantil tamén poida gozar destas xornadas festivas.