A Pobra do Brollón pon en marcha unha nova edición do programa 'Déixate Guiar'

RibeiraSacraXa
A iniciativa ofrecerá entre xullo e setembro visitas guiadas de natureza e arqueoloxía en distintos espazos do municipio
deixate-guiar-cova-das-choias
6 Jul 2026

O Concello da Pobra do Brollón inicia unha nova edición do programa 'Déixate Guiar', unha proposta que se desenvolverá entre o 6 de xullo e o 20 de setembro e que permitirá achegarse ao patrimonio natural e arqueolóxico do municipio a través de diferentes visitas guiadas.

A programación desenvolverase de domingo a mércores e incluirá catro itinerarios distintos centrados en enclaves destacados do territorio.

Entre as propostas previstas figura a visita ao Castro de San Lourenzo, que terá lugar os luns e mércores ás 11.00 horas. Tamén se poderá participar nos percorridos guiados polas Penas do Castelo, programados eses mesmos días ás 18.00 horas.

O programa incorpora ademais visitas á Cova das Choias, previstas os martes ás 18.00 horas e os domingos ás 11.00 horas. A oferta complétase co percorrido polas Adegas Medievais e o Miradoiro de Vilachá, que se desenvolverá os martes ás 11.00 horas e os domingos ás 18.00 horas.

Para participar será necesario realizar reserva previa cunha antelación mínima de 24 horas, preferentemente a través de WhatsApp no teléfono 623 469 474. O prezo establecido para cada visita é de cinco euros por persoa, mentres que os menores de 12 anos poderán participar de forma gratuíta. Cada grupo contará cun máximo de 15 participantes, aínda que no caso das visitas á Cova das Choias o límite redúcese a dez persoas.

0.12615609169006