A Pobra do Brollón pecha o verán con 191 participantes nas súas visitas guiadas

RibeiraSacraXa
O programa 'Déixate Guiar' permitiu descubrir entre xullo e setembro espazos como a Cova das Choias, o Castro de San Lourenzo, Penas do Castelo e as adegas e o miradoiro de Vilachá
deixate-guiar-cova-das-choias
26 Sep 2026

A Pobra do Brollón pechou a programación do programa 'Déixate Guiar' do verán cun total de 191 participantes entre os meses de xullo e setembro. Entre as persoas que participaron houbo 39 nenos e nenas, mentres que o 55% das visitas corresponderon a persoas procedentes de concellos da contorna.

Entre os visitantes locais contabilizáronse tamén 24 veciños e veciñas da propia Pobra do Brollón. O resto das persoas participantes chegaron desde diferentes puntos de Galicia e doutras comunidades autónomas, especialmente Madrid e Cataluña. O programa recibiu ademais visitantes internacionais procedentes de Alemaña, Italia e Arxentina.

A iniciativa 'Déixate Guiar' incluíu catro propostas para coñecer diferentes elementos do patrimonio natural, cultural e arqueolóxico do municipio: a Cova das Choias, o Castro de San Lourenzo, Penas do Castelo e as adegas e o miradoiro de Vilachá.

Entre todas elas, a visita á Cova das Choias foi a que espertou maior interese entre as persoas participantes. O Concello lembra que o acceso ao interior deste espazo está prohibido sen acompañamento dunha visita guiada, co obxectivo de protexer a flora e a fauna que habitan na cova.

O Concello agradeceu a participación das persoas que se achegaron ao municipio durante estes meses e tamén o traballo da guía Cristina Rodríguez, encargada de contribuír á divulgación da riqueza natural, cultural e arqueolóxica da Pobra do Brollón.

0.15200281143188