A Pobra do Brollón pecha o prazo de matrícula da Escola de Música Samoeiro o 29 de setembro

A Escola de Música municipal Samoeiro da Pobra do Brollón ultima os preparativos para o inicio do curso 2026-2027, que arrancará o próximo 1 de outubro cunha programación composta por oito materias destinadas tanto a adultos como a nenos e nenas.
O prazo para formalizar a matrícula permanecerá aberto ata o martes 29 de setembro. As inscricións poden realizarse a través da Sede Electrónica do Concello da Pobra do Brollón ou de maneira presencial na Biblioteca municipal.
A oferta formativa inclúe baile tradicional e canto e pandeireta, a cargo de Iago Domínguez; percusión tradicional e gaita, impartidas por Álvaro Candal; acordeón, con Hadrián Rei, e canto coral, con Alfonso Campos. Para o público infantil tamén se ofrecen música e movemento, destinada a nenos e nenas de 4 a 11 anos e impartida por Hadrián Rei, e iniciación á música tradicional, con percusión e gaita, para alumnado de entre 8 e 16 anos, a cargo de Álvaro Candal.
Esta última materia contará ademais con dúas sesións de portas abertas para que os nenos e nenas poidan coñecer a actividade e participar nela sen compromiso. Serán os xoves 1 e 8 de outubro, de 18.00 a 19.00 horas. Neste caso, tamén será posible formalizar a matrícula unha vez rematado o prazo xeral de inscrición.
A Escola de Música Samoeiro conta con dezaoito anos de actividade e reúne arredor da música e do baile a veciños e veciñas da Pobra do Brollón e doutros municipios próximos.
Os horarios das diferentes materias, xunto cos prezos e o resto da información necesaria para formalizar a matrícula, poden consultarse na páxina web do Concello.