A Pobra do Brollón organiza unha excursión ao Aquapark de Cerceda para o 15 de xullo

O Concello da Pobra do Brollón organiza para o vindeiro mércores 15 de xullo unha excursión ao Aquapark de Cerceda, unha proposta de lecer dirixida á veciñanza para desfrutar dunha xornada no parque acuático.
A saída está prevista para as 10:00 horas, mentres que o regreso ao municipio será arredor das 20:00 horas.
O prezo do desprazamento é de 20 euros por persoa, aos que hai que sumar o importe da entrada ao recinto. A tarifa de acceso será de 1 euro para menores de ata 4 anos, de 9 euros para nenos e nenas de entre 5 e 12 anos e de 12 euros para as persoas maiores de 12 anos.
As inscricións poden formalizarse na Biblioteca Municipal, en horario de 10:30 a 13:00 horas, ou a través do teléfono 982 430 546.
O Concello lembra que as prazas son limitadas e cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Ademais, os menores de 10 anos deberán asistir obrigatoriamente acompañados por unha persoa adulta.