A Pobra do Brollón lanza unha campaña solidaria para promover a compostaxe comunitaria
A área de Medio Ambiente do Concello da Pobra do Brollón vén de lanzar unha campaña solidaria co fin de fomentar a compostaxe comunitaria entre os veciñas e veciñas.
A idea é incentivar o uso das seis composteiras municipais que hai no municipio. "Cando se instalaron as composteiras, en marzo de 2018, foron moi ben recibidas, pero agora queremos darlles un novo impulso", explica Elvira Martínez, técnico de Medio Ambiente.
A campaña consiste en trocar compost por alimentos para persoas que se atopan en situacións desfavorecidas. A finais de ano, pesarase o total do compost obtido grazas á compostaxe comunitaria e o 30% do seu peso será doado en quilos de alimentos para familias e persoas desfavorecidas.
"Deste xeito, a compostaxe ten unha dobre vantaxe para a xente. Coidamos do noso medio natural e somos solidarios cos nosos veciños", di Elvira Martínez, "ademais, lembramos que o compost obtido despois queda a disposición de quen o queira usar para fertilizar os seus xardíns e hortas".
A acción vai acompañada dunha campaña informativa con carteis e un vídeo que se divulgará nas redes sociais no que se repasa como funciona a compostaxe e como facela correctamente.
O Concello da Pobra do Brollón lembra que foi pioneiro na provincia de Lugo na instalación das composteiras e na implantación de estratexias para fomentar a reciclaxe, a través de iniciativas como o punto limpo móbil e a recollida domiciliaria de refugallos voluminosos.