A Pobra do Brollón homenaxeará aos “Cómicos de Salcedo” polas Letras Galegas

A Pobra do Brollón celebrará esta fin de semana as Letras Galegas cunha programación que combina teatro, narración oral e actos de recoñecemento á tradición cultural do municipio.
O sábado 16 de maio, a Casa da Cultura “Olga Novo” acollerá o espectáculo de narración oral As Mil e Unha, a cargo de Vero Rilo e do músico Luis Iglesias. A proposta, pensada para público familiar, achégase ao universo literario de Begoña Caamaño, autora homenaxeada nas Letras Galegas 2026. A función preséntase como un programa de radio en directo que busca abrir espazos de imaxinación e conectar os mitos clásicos coa realidade actual, mantendo a mirada crítica e feminista presente na obra da escritora. O espectáculo conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e terá lugar ás 20:00 horas, con entrada libre.
Xa o domingo 17 de maio, Día das Letras Galegas, o Concello organizará un acto na mesma Casa da Cultura para descubrir a nova placa do salón de actos, que pasará a denominarse “Os Cómicos de Salcedo”. A proposta foi aprobada por unanimidade no pleno municipal do pasado 24 de abril.
Este nomeamento supón unha homenaxe aos veciños Cuco, Justo, Pepiño e Chinco, coñecidos como “Os Cómicos de Salcedo”, figuras destacadas do Teatro de Salcedo dende as súas orixes. Segundo explicou a concelleira de Cultura, Marián Martínez, trátase dun recoñecemento que “se estende a todos aqueles veciños e veciñas que con talento e compromiso levan ao escenario a emoción, o humor e a autenticidade”.
A concelleira tamén subliñou a importancia da tradición teatral no municipio, especialmente arredor do Entroido de Salcedo, que continúa vivo grazas á participación da veciñanza de distintas parroquias. Neste sentido, sinalou que a homenaxe busca tamén reforzar a continuidade desta expresión cultural como elemento de identidade colectiva e cohesión social.
O acto de descubrimento da placa terá lugar o domingo ás 13:00 horas e será aberto ao público, coa presenza dos propios homenaxeados.