A Pobra do Brollón contará cunha extensa programación cultural ata finais de setembro

RibeiraSacraXa
A Pobra do Brollón contará cunha extensa programación cultural ata finais de setembro con actividades xa coñecidas e novidades
Foliada guimara A Pobra Do Brollon
Foliada guimara A Pobra Do Brollon
25 may 2023

A Pobra do Brollón presenta unha programación cultural desde xuño a setembro que incluirá con actividades para todos os públicos, distintas localizacións e diversas disciplinas cunha importante presenza de mulleres artistas co fin de ‘fortalecer as redes comunitarias e incidir no consumo local’ comenta Xosé Lois Maceda, alcalde da Pobra do Brollón.

O rexedor lembra que "a axuda Territorio Cultura, con fondos Next Generation, na que quedamos de terceiros clasificados entre 27 concellos, é un pulo ao noso xeito de entender a cultura e coloca á Pobra do Brollón na primeira plana cultural galega".

A programación inclúe actividades que xa se viñan desenvolvendo na acción cultural guímara, como as foliadas guímaras, das que haberá unha o 23 de xuño en Abrence, outra o 5 de agosto en Eixón e dúas máis, os días 14 de xullo e 30 de agosto, aínda por determinar que se suman ás xa realizadas no presente 2023.

Tamén continuarán os Xoves culturais (que non sempre son xoves), cunha conversa o día 29 de xuño entre as poetas Olga Novo e María Sánchez sobre a poética do abandono da aldea e o papel da muller no mundo rural. Xa o xoves 6 de xullo Emilio Rúa dará un concerto íntimo, ao que seguirán actividades por determinar nos vindeiros xoves.

Tamén volverá o Ciclo Mestre Mateo coa proxección de Life is Life o día 18 de xuño e o filme de animación Valentina, o 2 de xullo. O ciclo continuará a partir de setembro. Fóra do Ciclo, tamén está prevista a proxección de O último de Arganeo do chantadino David Vázquez, o 25 de xuño.

Da mesma maneira, continuarán os obradoiros de brindos iniciados este ano e os seguintes serán o día 3 de xuño no Furancho O Currio e 4 de agosto na Parrillada O Fogón.

Novidades

Con respecto ás actividades novas propostas desde o Concello da Pobra do Brollón, o brindo terá tamén un gran protagonismo nunha das grandes novidades como é o ‘Brindadeira. Festival de improvisación oral’, que terá lugar a fin de semana do 22 e 23 de xullo na parroquia de Ferreiros, onde se sitúa Forgas, aldea dos últimos brindeiros. O festival terá obradoiros, mostras, mesas redondas, presentacións de libros, andainas e concertos e ademais do brindo haberá presenza do free style, o bertsolarismo de Euskal Herria e a regueifa, con cabida por suposto para a música tradicional e o romance.

Outra das novidades é o Ciclo Novas Músicas Galegas’, onde se dará presenza a propostas novas e femininas do panorama musical galego. Catuxa Salom será a encargada de abrir o ciclo o día 1 de xullo cos seus ritmos galaico-latinos. Será seguida de Faia que traerá a súa música delicada e intimista o día 16 de xullo. Xa en agosto, será a quenda de Su Garrido o día 14 de agosto, para que o 17 sexa Mounqup a encargada de pechar coa súa elegante proposta de base electrónica.

Máis actividades

Outros eventos que se realizarán este ano serán a II Convivencia Poética do Furancho O Currio, que contará cun vermú artístico o día 4 de xuño, promovido polo propio furancho; o concerto de Davide Salvado o día 10 de xuño co financiamento de Vicepresidencia da Deputación de Lugo ou a celebración do Orgullo LGTBI+ ‘Terras diversas: Orgulho na Terra de Lemos’ organizado con Sete Outeiros, o venres 30 de xuño.

Por outra banda, celebraranse os mercados circulares, unha iniciativa xurdida o ano pasado, e que volverán o 11 de xuño, día de feira, para seguir todo o verán. O 25 de xuño, no marco destes mercados terá lugar o espectáculo de rúa Jano sen Medidaspara público familiar.

Ao longo do verán haberá tamén unha serie de obradoiros infantís matutinos, para estender a programación aos máis pequenos e a Semana Cultural de Salcedo contará con actividades tamén financiadas a través da subvención Territorio Cultura.

Por último, a Feira Guímara será o próximo sábado 8 de xullo, a Romaría do San Vitoiro a fin de semana do 26 e 27 de agosto e xa como peche do verán, o Festival das Cores do Outono a fin de semana do 23 e 24 de setembro.

Espazos patrimoniais

Dende a programación sempre se buscan localizacións que descentralicen a oferta cultural, mais hai dúas actividades que se desenvolverán en lugares destacados. A romaría do Castro de San Lourenzo, o día 10 de agosto, é unha delas e este ano contará con dotación da subvención Territorio Cultura.

Pola súa parte, tamén terá lugar unha actividade musical e audiovisual no espazo das adegas medievais de Vilachá o sábado 29 de xullo no marco do Festival 17º Ribeira Sacra.

Ademais, o sábado 17 de xuño outra actividade terá lugar nese mesmo espazo, no marco do proxecto ‘Lugares Vivos’, pertencente á liña de activación cultural en zonas non urbanas Territorio Cultura.