A Pobra do Brollón celebra a décima edición do Campo de Voluntariado do Castro e Romaría de San Lourenzo

RibeiraSacraXa
15 mozos e mozas de Italia, Turquía, República Checa, México e diferentes puntos de España, Cataluña e Galicia participarán ata o 14 de agosto nos traballos arqueolóxicos e na organización da romaría
voluntariado-castro-san-lourenzo-brollon
9 Aug 2026

A Pobra do Brollón iniciou esta semana a décima edición do Campo de Voluntariado do Castro e Romaría de San Lourenzo, unha iniciativa que reúne durante varios días un grupo internacional de voluntarias e voluntarios para colaborar en diferentes actividades do municipio.

O alcalde da Pobra do Brollón, Xosé Lois Maceda, e a concelleira Marián Martínez achegáronse este mércores para dar a benvida ás persoas participantes. O grupo está formado por quince voluntarias e voluntarios procedentes de Italia, Turquía, República Checa, México e diferentes puntos de España, Cataluña e Galicia, acompañados por tres monitoras.

Durante a súa estancia, que se prolongará ata o 14 de agosto, as persoas participantes colaborarán nos traballos arqueolóxicos que se están desenvolvendo no castro de Cereixa e tamén prestarán apoio na organización da Romaría de San Lourenzo.

A programación do campo non se limitará ás tarefas de voluntariado. Fóra do horario de traballo, o grupo terá a oportunidade de coñecer outros xacementos arqueolóxicos e diferentes lugares de interese da Pobra do Brollón e da súa contorna.

O Campo de Voluntariado do Castro e Romaría de San Lourenzo está financiado pola Dirección Xeral de Xuventude e conta coa colaboración do Concello da Pobra do Brollón.

0.12361598014832