A Pobra do Brollón celebra a 33ª Feira do Viño de Vilachá con tres días de actividades, música e catas

A parroquia de Vilachá de Salvadur, no concello de A Pobra do Brollón, acolle esta fin de semana a 33ª edición da Feira do Viño de Vilachá, unha cita que se desenvolverá durante a ponte de maio no conxunto de adegas medievais da Abelaira.
A feira arrancará o venres 1 de maio ás 16:00 horas e estenderase ata a tarde do domingo día 3, cun programa que combina degustacións, música e actividades paralelas. Ao longo dos tres días participarán trece adegas e furanchos, ademais de once grupos musicais encargados de animar o evento.
Entre as adegas presentes figuran Adega Vella, Beatus Ille, Bico de Lagar, Casa do Curuxo e Sernande, xunto con varios furanchos como AL-DE, Fidalgo, Morales ou O Currio, entre outros. Tamén se suma unha adega convidada procedente de Sober.
O apartado musical contará con actuacións repartidas durante toda a fin de semana, con formacións como Os Parrandas ou Batukada Tukupá o venres, e outros grupos como Os Ministreles, Os Bochetas do Sil ou Son do Mao o sábado. O domingo será a quenda de agrupacións como a Escola municipal Samoeiro ou as Cantareiras de Fornelas.
Dentro da programación, o sábado 2 celebrarase unha cata guiada a cargo de Juanjo Figueroa, na que se degustarán seis viños representativos das características da paisaxe e do traballo vitivinícola de Vilachá. A actividade comezará ás 13:00 horas e require reserva previa, xa que as prazas son limitadas. O prezo é de 15 euros e inclúe a degustación e a copa oficial da feira.
O domingo pola mañá terá lugar o pregón, que nesta ocasión correrá a cargo de Mónica Fernández, profesional da sumillería e da dirección de sala, con ampla traxectoria no sector gastronómico. Tras o pregón, a Escola municipal de música Samoeiro ofrecerá unha actuación.
Xa pola tarde, ás 17:00 horas, está prevista unha cata-concurso dos viños de furancho, na que se outorgarán dous premios: un do xurado e outro do público, ambos decididos mediante cata a cegas.
Ademais, sortearase un circuíto termal para dúas persoas mediante un concurso no que se pode participar completando selos en diferentes postos da feira.